O Servizo Galego de Saúde publica a lista definitiva de 67 médicos de familia seleccionados por concurso-oposición

O próximo luns abrirase o prazo de elección de destino

Poderán escoller entre 10 prazas da área sanitaria da Coruña e Cee, 2 de Ferrol, 10 de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 17 de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 5 de Pontevedra e O Salnés, 10 de Santiago de Compostela e Barbanza e 13 de Vigo

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, no día de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se publica a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria, dando comezo ao prazo para a elección de destino.

Este é o segundo proceso de elección de destino no concurso-oposición para o ingreso  nesta categoría, tras resultar vacantes 67 prazas, logo da resolución de nomeamento do 22 de decembro de 2025.

Neste segundo proceso de elección de destino ofertáronse as prazas que resultaron vacantes aos novos aspirantes segundo a orde de prelación, co fin de asegurar a cobertura da totalidade das prazas ofertadas.

Ofértanse prazas en centros de saúde, no Centro integral de saúde de Lugo e en puntos de atención continuada das sete áreas sanitarias. En concreto, ofértanse 10 prazas na área sanitaria da Coruña e Cee, 2 na de Ferrol, 10 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 17 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 5 na de Pontevedra e O Salnés, 10 de Santiago de Compostela e Barbanza e 13 na área de Vigo.

Coa publicación desta resolución ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución para que os novos aspirantes definitivamente seleccionados neste proceso selectivo elixan telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas. Polo tanto, o prazo para facelo vai do 6 ao 17 de abril de 2026.

Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso selectivo ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

Data de actualización: 01/04/2026