A Xunta publica no DOG a convocatoria dos actos expropiatorios para a prolongación da autovía da Costa da Morte entre Santa Irena e a AC-432, en Vimianzo

Trátase de executar un novo tramo de 5,8 km de lonxitude, ata a intersección coa vía AC-432, que comunica Vimianzo e Camariñas, cun investimento por máis de 36M€

A intervención neste novo tramo incluirá a construción de 2 enlaces e a previsión dun terceiro, 3 viadutos, 6 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 6 obras de drenaxe

Ademais, a Xunta recibiu 13 ofertas para o contrato de servizo para o control e vixilancia, seguimento ambiental e arqueolóxico, e coordinación da seguridade e saúde da obra, licitada por 1,3M€

A obra dá continuidade ao treito de autovía da Costa da Morte en funcionamento, con case 28 quilómetros libres de peaxe que comunican Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e Vimianzo

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiro meses de maio, xuño e xullo dos actos expropiatorios para executar as obras de prolongación da autovía da Costa da Morte, no treito entre Santa Irena e a estrada AC-432, no municipio coruñés de Vimianzo.

Ao tempo a Xunta, que ten licitados estes traballos por máis de 36 M€, avanza na fase de contratación desta obra, que recibiu 11 ofertas de empresas para levar a cabo a execución da prolongación da autovía.

Os actos para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para os días 28 e 29 de abril, na Casa de Cultura de Vimianzo (rúa A Braña, s/n, das 10.00 ás 13.00 horas. A formalización das actas de ocupación levaranse a cabo os días 30 de xuño e 1 de xullo, na mesma localización e no mesmo horario.

Con esta actuación prolongarase o tramo de autovía da Costa da Morte que se puxo en funcionamento no ano 2016, con case 28km libres de peaxe que comunican os concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, ata Santa Irena.

Esta nova intervención abrangue 5,8 novos quilómetros de estrada, ata a intersección coa AC-432, que comunica Vimianzo e Camariñas. Este treito construirase sobre unha traza con parte do movemento de terras xa executado.

As obras incluirán a construción de 2 enlaces e a previsión dun terceiro, 3 viadutos, 6 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 6 obras de drenaxe. Cabe sinalar como estrutura máis singular do proxecto o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento da vía sobre esta contorna, entre os puntos quilométricos  7+005 e 7+249.

Data de actualización: 01/04/2026