Medio Rural apoia as plantacións substitutorias en explotacións forestais afectadas polos incendios

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal visitou hoxe a comunidade de montes veciñais en man común de Marcos, Picoñas e Feixa da Franqueirán, no concello de Ribadavia, beneficiaria destas axudas, cunha achega de case 29.000 euros

Actuarase nunha superficie de 12,14 hectáreas coa plantación de máis de 13.000 piñeiros

É unha das liñas de axuda que se habilitaron desde a Consellería do Medio Rural para apoiar aos afectados o pasado verán para paliar as súas consecuencias nas explotacións gandeiras, agrícolas e forestais

Ribadavia (Ourense), 1 de abril de 2026

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe a comunidade de montes veciñais en man común de Marcos, Picoñas e Feixa da Franqueirán, no concello de Ribadavia, para poñer en valor o apoio ás explotacións forestais afectadas polos incendios de 2025 para plantacións substitutorias, unha das liñas de apoio convocadas pola Consellería do Medio Rural.

Concretamente, esta comunidade de montes recibiu unha achega de preto de 29.000 euros, para esta actuación coa plantación de máis de 13.000 piñeiros nunha superficie de 12,14 hectáreas.

A Consellería do Medio Rural puxo a disposición das explotación gandeiras, agrícolas e forestais ata oito liñas de apoio. Na parte forestal destacan un máximo de 100.000 euros para plantacións substitutorias, medida da que se beneficiou esta comunidade de montes; un máximo de 50.000 euros para gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes de xestión pública; ata 15.000 euros para a reparación de infraestruturas de titularidade privada que se viron danadas; e un máximo de 50.000 euros para a reparación de maquinaria e equipamento forestal danado en tarefas de colaboración na extinción dos incendios ou ocasionados polos mesmos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2026