A Xunta convoca axudas para apoiar o labor das Anpas

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina máis de 66.000€ a estas subvencións, destinadas a sufragar actividades e diferentes gastos de funcionamento

Santiago de Compostela, 04 de abril de 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de convocar as axudas para apoiar o labor das asociacións de nais e pais na nosa Comunidade.

O obxectivo destas subvencións, dotadas cun orzamento de máis de 66.000€, é sufragar diferentes actividades das anpas ao longo do ano, así como os gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das súas instalacións.

O período de presentación de solicitudes estará aberto ata o 23 de abril. Deberá facerse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os importes varían en función do ámbito de actuación, pois a elas poden concorrer unha ampla variedade de organizacións desde confederacións e federacións a asociacións de nais.

Estas axudas son compatibles con outras subvencións outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Deste xeito, o Goberno galego contribúese a facilitar o funcionamento destas entidades, fundamentais na vida escolar. Cómpre lembrar que, ademais desta convocatoria, a Consellería de Educación mantén unha liña de axudas ás anpas que xestionan comedores escolares, cun orzamento de 1.750.000€.

Esta liña reforzouse este ano un 10%, o que fai que as anpas reciban na actualidade case o triplo en axudas para comedores que antes da pandemia. Mentres, o Goberno central non achega ningún financiamento malia que se comprometera a facelo.

Data de actualización: 04/04/2026