A Xunta publica as bases para participar nos VI Premios de Innovación en Saúde 2026
Estes galardóns buscan fomentar ideas innovadoras para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego
Os premios contan con dúas categorías: unha modalidade destinada aos profesionais da saúde e outra destinada aos pacientes
Os profesionais e as entidades de pacientes que desexen participar nesta nova edición dos premios teñen un prazo de dous meses para presentar as súas candidaturas
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as bases dos VI Premios de Innovación en Saúde 2026 no sistema público de saúde de Galicia.
Estes galardóns teñen por obxecto fomentar as ideas innovadoras nas que traballan os seus profesionais, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade da sanidade pública galega, ademais de iniciativas presentadas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc.), entidades ou asociacións de pacientes sen fins lucrativos que colaboran de xeito directo ou indirecto na busca dun sistema público de saúde máis innovador e eficiente.
Estes premios contan con dúas categorías: unha modalidade destinada aos profesionais da saúde e outra cuxos destinatarios son os pacientes (onde poden participar persoas físicas, organizacións e asociacións de pacientes).
Recoñecerase cun máximo de 6.500 euros o primeiro premio da modalidade de profesionais e de 3.250, o segundo. As ideas gañadoras na modalidade de pacientes recibirán un máximo de 2.000 euros para o primeiro premio e de 1.000 euros para o segundo.
As persoas e as entidades que desexen participar nesta nova edición dos premios dispoñen dun prazo de dous meses para presentar as súas candidaturas.
A través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Consellería de Sanidade segue a apostar por un modelo de innovación aberto no que todas as partes interesadas deben de participar e crear unha interacción fluída e combinar as ideas dos sistemas de innovación.
Con esta convocatoria búscase continuar impulsando a participación cidadá nos procesos de I+D+i e nas incorporacións de actividades e proxectos innovadores na sanidade galega.