A Xunta actualizará a normativa autonómica da inspección educativa para dar resposta ás necesidades actuais do sistema

Recollerá a importancia do seu traballo na relación entre a administración e os centros e como principal figura de apoio aos equipos directivos e ao profesorado

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá co presidente da Asociación de Inspectoras e Inspectores de Educación de Galicia, Carlos Varela, e con Blanca Rodríguez, representante en Galicia da Asociación Nacional de Inspectores de Educación. O obxectivo do encontro, no que tamén participaron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, foi analizar as posibilidades de actualizar a normativa relativa ás funcións e condicións de traballo do corpo de inspectores de educación.

Neste sentido, o conselleiro fixo fincapé na importancia destes profesionais na relación entre a administración e os centros educativos, así como como principal figura de apoio aos equipos directivos e ao profesorado no desenvolvemento das súas funcións. O novo decreto actualizará as funcións que desempeñan axustándoas ás necesidades actuais do sistema.

 A normativa autonómica vixente data de 2004. Porén, a recente publicación do Real Decreto estatal, de 4 de febreIro de 2026, polo que se regula a Inspección Educativa, fai conveniente elaborar unha nova normativa galega que recolla as novidades e actualice o decreto galego ás novas esixencias da profesión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/04/2026