Medio rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14.45 horas

Controlado o incendio do concello pontevedrés de Ponteareas, parroquia de Ribadetea, que segundo as últimas medicións dispoñibles afecta arredor de 750 hectáreas e no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva, que xa foi desactivada

Continúa estabilizado o lume do municipio coruñés de Carballo, parroquia de Noicela, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 150 hectáreas

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais con datos recollidos ás 14.45 horas de hoxe.

Controlado Ponteareas-Ribadetea. Desactivada Situación 2

O incendio do concello pontevedrés de Ponteareas, parroquia de Ribadetea, quedou controlado ás 14.34 horas de hoxe. Segundo as últimas medicións dispoñibles, de carácter provisional, afecta unha superficie de arredor de 750 hectáreas, nos termos municipais de Ponteareas, Pazos de Borbén e Mos. Neste lume, que se iniciou onte ás 14.47 h., foi preciso decretar a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo do Galleiro, no concello de Pazos de Borbén, unha situación que foi xa desactivada. Para a extinción deste lume mobilizáronse, polo de agora, 6 técnicos, 18 axentes, 26 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 6 avións.

Estabilizado Carballo-Noicela

Permanece estabilizado, desde as 20.42 horas de onte, o incendio iniciado no concello coruñés de Carballo, parroquia de Noicela, que se xuntou con outro rexistrado na localidade limítrofe da Laracha, parroquia de Caión. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume, iniciado onte ás 14.20 horas, afecta unha superficie de arredor de 150 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 1 pa, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 4 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 07/04/2026