A Xunta destaca que a maioría dos montes de xestión pública contan con certificación forestal

A conselleira do Medio Rural subliñou hoxe, nunha visita a un destes terreos no Porriño, que o 15 % da superficie forestal é de xestión pública: arredor de 230.000 hectáreas, nas que preto do 85 % están certificadas

María José Gómez supervisou diferentes actuacións de mellora e prevención no monte de Costa de Oia, no que o Goberno galego investiu preto de 366.000 € en diferentes accións como rozas, clareos ou retirada de invasoras

O Porriño (Pontevedra), 7 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que a maioría dos montes de xestión pública de Galicia contan con certificación forestal sustentable. Así, os máis de 1.400 terreos destas características, que abranguen unha superficie de preto de 230.000 hectáreas, teñen certificadas cerca de 200.000 hectáreas, é dicir, arredor do 85 %, por parte dos dous sistemas recoñecidos internacionalmente, PEFC e FSC. Gómez destacou estes datos na súa visita a diversas actuacións de prevención no monte de xestión pública de Costa de Oia, situado no Porriño, na que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, e polo alcalde da localidade, Alejandro Lorenzo.

A conselleira subliñou que este terreo forestal, en concreto, conta tamén con esa certificación, algo que garante a sustentabilidade na súa xestión e aproveitamento. Así, dispón dunha superficie ordenada que supera as 585 hectáreas e a Xunta leva investidos preto de 366.000 euros en diferentes actuacións executadas desde o ano 2021, para favorecer esa ordenación.

Deste xeito, actualmente están a piques de rematar diferentes tratamentos silvícolas preventivos para a mellora das súas masas, nunha superficie de algo máis de 11 hectáreas e cun investimento que supera os 40.000 euros. As obras consisten en rozas, rareos e podas en coníferas, así como na eliminación de especies invasoras. A actuación súmase a outras xa rematadas para afondar na mellora destes terreos, e que supuxeron actuar noutras 11 hectáreas por un importe similar.

A conselleira puxo estes labores como mostra do traballo que a Administración autonómica leva a cabo nos montes de xestión pública, que supoñen o 15 % da superficie forestal da comunidade, e reiterou o compromiso da Xunta co futuro do sector, tanto nestes terreos como a través da colaboración coa propiedade privada. Esta cooperación está especialmente orientada a frear o abandono, con varias liñas de axudas, entre as que salientan as destinadas a apoiar a silvicultura, as agrupacións forestais de xestión conxunta e a reforestación, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/04/2026