A Xunta debate en Toledo sobre as políticas públicas de impulso e promoción do sector artesanal
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta tarde nunha nova reunión do Observatorio Nacional de Artesanía, coincidindo coa celebración dos Días Europeos da Artesanía
Impulsado por Fundesarte, o foro conta coa participación de representantes das administracións públicas autonómicas e de entidades de promoción da artesanía
Toledo, 7 de abril de 2026
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta tarde en Toledo nunha nova reunión do Observatorio da Artesanía, un foro de encontro impulsado por Fundesarte no que participan as administracións públicas autonómicas, así como a Organización de Artesanos de España (OAE). Durante o encontro tratáronse diferentes temas vinculados á situación actual da artesanía nas diferentes comunidades autónomas, así como a posta en común das iniciativas e das políticas públicas postas en marcha para a divulgación, impulso e promoción do sector artesanal.
Nese senso, por parte de Galicia trasladáronse iniciativas como o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, así como á posta en marcha dunha nova liña de axudas destinada á formación de aprendices en oficios artesanais, prevista para este ano e dotada cun orzamento de 1 M€.
A reunión do Observatorio Nacional da Artesanía coincide coa celebración dos Días Europeos da Artesanía, unha iniciativa impulsada en diferentes países de Europa co obxectivo de dar a coñecer os oficios artesanais entre a sociedade, a súa riqueza e as súas posibilidades como industria creativa e cultural, coordinada en España por Fundesarte e en Galicia pola Fundación Artesanía de Galicia. Entre todas as actividades que se van celebrar na nosa Comunidade, a Xunta patrocina máis de cen actividades gratuítas nas catro provincias galegas entre as que se inclúen obradoiros, demostracións, xornadas de portas abertas ou charlas.