O piloto lucense Alonso Liste presenta o vehículo adaptado no CIFP As Mercedes co que disputará o Campionato Europeo de Montaña

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca o valor destes proxectos para a formación práctica do alumnado e a súa conexión co sector profesional

Lugo, 9 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañou esta mañá ao piloto lucense José Antonio Alonso Liste na presentación do vehículo Tatuus F3, desenvolvido e posto a punto no CIFP As Mercedes, co que disputará o Campionato Europeo de Montaña.

Alumnos e profesores do ciclo superior de Automoción especializado en competición do instituto lucense traballaron durante meses para realizar transformacións profundas no monopraza, tanto na súa mecánica como na aerodinámica.

O vehículo incorpora un novo paquete aerodinámico, deseñado para favorecer a estabilidade e o comportamento en carreira, así como unha nova xestión electrónica do motor, máis precisa e optimizada. Estes cambios aínda se verán reforzados con outras melloras, como a incorporación dun novo turbo e dun intercooler de maior rendemento, co obxectivo de aumentar a potencia e garantir un funcionamento máis eficiente do motor en condicións de alta esixencia.

O piloto confiou xa nos últimos anos no CIFP As Mercedes para a posta a punto dos seus vehículos de competición, antes o Ginetta G55 e agora o Tatuus F3.

Javier Arias destacou o traballo da comunidade educativa do instituto, “un referente en programas de FP básica e dual” e puxo en valor oportunidades coma esta “que permiten ao alumnado aplicar os seus coñecementos en proxectos reais, en contacto co sector profesional, reforzando a súa preparación e empregabilidade”.

O delegado territorial aproveitou ademais para desexarlle sorte ao piloto no campionato europeo, que arrancará en Austria os días 25 e 26 de abril e que outros 9 países ata a súa final en Croacia no mes de setembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/04/2026