A Xunta destaca a importancia da Feira FormaMos, integrada no calendario Galicia Educa, na orientación académica e profesional do alumnado
Esta cita, que reúne 85 expositores, achega a oferta formativa da comarca a toda a cidadanía e conta cunha ampla programación de actividades prácticas
Mos (Pontevedra), 9 de abril de 2026
O director xeral de Centro e Recursos Humanos, Jesús Bértolo, e a directora xeral e Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitaron hoxe a V Feira FormaMos, unha iniciativa consolidada na comarca como espazo para a orientación académica e profesional, que achega ao alumnado, ás familias e ao conxunto da cidadanía as distintas opcións formativas e de emprego.
Durante o percorrido polo recinto, os representantes da Xunta puxeron en valor o carácter local desta feira e a súa capacidade para conectar o sistema educativo coa realidade do territorio. Neste sentido, FormaMos é un exemplo de boas prácticas na orientación do alumnado, xa que permite coñecer de primeira man as alternativas formativas e profesionais, facilitando unha toma de decisións máis informada.
A feira ofrece unha ampla programación de actividades e conta coa participación de 27 centros educativos que presentan as súas ensinanzas e proxectos, amosando as boas prácticas desenvolvidas nas aulas. Neste marco, a Consellería de Educación conta cun espazo propio no que se informa sobre a oferta de FP, incluíndo modalidades como a Dual e a Dual Intensiva, así como os procedementos de acreditación de competencias profesionais. O director xeral de Centros e Recursos Humanos destacou a importancia de achegar esta información á cidadanía, sinalando “cada vez existe un maior interese por coñecer as diferentes vías formativas e as súas saídas profesionais”.
Jesús Álvarez enmarcou esta iniciativa dentro do conxunto de accións que impulsa a Xunta a través do programa Galicia Educa, un calendario de 16 feiras de orientación distribuídas por toda a Comunidade. “Con Galicia Educa buscamos garantir que todas as persoas teñan acceso a información de calidade sobre as distintas opcións educativas e laborais, independentemente do lugar no que vivan”, explicou. Ademais, destacou que estes encontros permiten “visibilizar o talento do alumnado e a capacidade innovadora dos centros educativos galegos”.
V Feira FormaMos
A V Feira FormaMos celébrase entre hoxe e mañá no pavillón Óscar Pereiro, en horario de 09,00 a 14,00 horas, e reúne 85 expositores. Entre eles atópanse representacións das consellerías de Educación, de Emprego, Comercio e Emigración e de Cultura, Lingua e Xuventude, así como universidades, academias e forzas e corpos de seguridade, entre outros.
Nese senso, esta mañá tamén visitou a feira a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño. Pasou polo stand da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, concibido para que as persoas interesadas se informen sobre opcións para optar polo traballo por conta propia ou allea, a través de ferramentas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta con 15 centros repartidos polo territorio galego ou de iniciativas lúdicas como o Xogo do emprendemento.