Medio Rural facilita alimentación para gando nunha explotación afectada polo incendio de Ponteareas
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu na mañá de hoxe á recepción do primeiro cargamento de alimentación para esta explotación, que conta con máis de 100 exemplares de vaca cachena en extensivo
A Xunta asume a totalidade dos custos derivados desta medida, poñendo de relevo o seu compromiso co benestar animal e coas explotacións en situacións de emerxencia
De feito, a Consellería desenvolveu xa actuacións deste tipo durante a vaga de incendios do pasado verán, chegando a repartir case 100 toneladas de penso ou máis de 1.560 toneladas de herba seca a explotacións gandeiras de 22 concellos galegos
Pazos de Borbén (Pontevedra), 9 de abril de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu na mañá de hoxe á recepción de alimentación para os animais da explotación de Carlota Simón e Iván González, situada no concello pontevedrés de Pazos de Borbén, e que se viu afectada esta semana polo incendio forestal iniciado na localidade veciña de Ponteareas.
Neste contexto, por parte do Goberno autonómico estase a actuar para garantir a subministración inmediata de alimento para os animais desta gandaría, que conta con máis de 100 exemplares de vaca cachena en réxime extensivo. Concretamente, trátase dun primeiro cargamento de rolos de herba, alpacas e penso.
José Balseiros sinalou que nos vindeiros días proporcionaráselle máis alimentación. Cabe sinalar que a Xunta asume a totalidade dos custos derivados desta medida, poñendo de relevo o seu compromiso co benestar animal e coas explotacións do rural en situacións de emerxencia.
De feito, a Consellería do Medio Rural desenvolveu xa actuacións deste tipo durante a vaga de incendios do pasado verán, chegando a repartir case 100 toneladas de penso ou máis de 1.560 toneladas de herba seca a explotacións gandeiras de 22 concellos galegos.