O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes comprobou as melloras que xa se están a levar a cabo nalgúns dos pavillóns do recinto
A Xunta destaca o avance no proxecto ‘Ferrol. Cidade do Deporte’ coa execución das obras de modernización dos pavillóns do recinto feiral de FIMO
O convenio asinado en 2024 entre a Xunta e o Concello prevé actuacións en infraestruturas deportivas ferrolás por valor de 18M€, dos que o Goberno galego achega 9M€ entre este ano e 2029
Diego Calvo puxo en valor a importancia da colaboración das administracións para levar a cabo iniciativas coma esta e incidiu no apoio da Xunta ás entidades locais para impulsar as súas instalacións deportivas municipais
Ferrol, 8 de abril de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, comprobou hoxe os avances nas obras que se están a levar a cabo no recinto da Feira Internacional de Mostras do Noroeste (FIMO), no marco da colaboración entre a Xunta e o Concello de Ferrol a través do proxecto Ferrol. Cidade do Deporte. Por exemplo, no pavillón número 5 comezaron xa os traballos, aos que se sumarán os previstos noutros pavillóns do recinto por un investimento total de 5,7 millóns de euros.
Nesta liña, o conselleiro de Deportes destacou que se está a avanzar nas actuacións previstas no proxecto Ferrol. Cidade do Deporte, con varias obras xa licitadas e adxudicadas e outras aprobadas ou en tramitación. Trátase de melloras para levar a cabo tanto na enseada da Malata como na contorna urbana do concello co obxectivo de modernizar as infraestruturas deportivas da zona e fomentar o deporte entre a poboación do concello.
Todas as obras previstas enmárcanse no convenio asinado en 2024 entre o Goberno galego e o Concello para esta iniciativa, presupostada en 18 millóns de euros e confinanciada por ambas as administracións a partes iguais. Así, por parte da Xunta, destinaranse 9 millóns de euros entre 2026 e 2029.
Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo é mellorar e poñer en valor as infraestruturas deportivas ferrolás, así como fomentar o deporte entre a poboación do concello e da súa contorna no marco do compromiso da Xunta no apoio ás entidades locais para impulsar as súas instalacións deportivas municipais.