A Xunta reorganiza desde o 13 de abril o transporte interurbano na Coruña a raíz da peonalización de Entrexardíns
Todos os servizos de transporte público interurbano con parada en Entrexardíns pasarán a operar desde a parada do Teatro Colón
Mellórase o itinerario da liña Hospital Abente e Lago–aeroporto da Coruña cunha nova parada de cabeceira e a supresión das paradas de Puerta Real e Obelisco para desconxestionar a avenida da Mariña
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2026
A Xunta, en coordinación co Concello da Coruña, adapta desde o vindeiro luns, día 13 o servizo de transporte interurbano na cidade con motivo da conversión da zona de Entrexardíns en espazo peonil.
No marco deste axuste, todas as liñas de transporte público interurbano que tiñan parada en Entrexardíns cambiarán de localización á nova parada do Teatro Colón, na rúa Alcalde Manuel Casas, o que afectará a un total de 102 liñas.
Ademais, mellórase o itinerario da liña Hospital Abente e Lago–aeroporto da Coruña co fin de desconxestionar o tráfico na avenida da Mariña e garantir a seguridade na zona peonil do porto. Neste sentido, a devandita liña circulará pola avenida do Porto ata praza de Ourense, o que implicará a supresión das paradas Puerta Real e Obelisco. Así mesmo, modificarase a posición da súa parada de cabeceira, que pasará a ser fronte ao Monumento ao Emigrante, atendendo á ordenación do tráfico do Concello da Coruña.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web www.bus.gal.