A Xunta e o Concello de Chantada transformarán o espazo entre Doutor Fleming e a avenida de Lugo nun lugar máis accesible e seguro para a veciñanza
A conselleira de Vivenda e Planificación de infraestruturas asinou hoxe o acordo de colaboración co alcalde de Chantada para esta actuación enmarcada no Plan Hurbe
A intervención permitirá renovar o pavimento, mellorar a accesibilidade e a seguridade das conexións peonís e crear novas zonas de estancia
A Xunta financiará o 70% do investimento previsto, de máis de 110.700 euros, e encargarase da contratación e execución das obras
Chantada (Lugo), 17 de novembro de 2026
A Xunta e o Concello de Chantada colaborarán na urbanización do espazo situado entre a rúa Doutor Fleming e a avenida de Lugo, cunha actuación que permitirá mellorar a accesibilidade, reforzar a seguridade e recuperar este ámbito para o uso e desfrute da veciñanza. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe o acordo de colaboración co alcalde, Manuel Lorenzo Varela, para esta actuación ao abeiro do Plan Hurbe.
O acordo de colaboración formalizado hoxe permitirá mobilizar un investimento total de 110.734 euros, dos que a Xunta achegará 77.513 euros, o 70% do orzamento. Ademais, a Administración autonómica asumirá a contratación e execución dos traballos, que se desenvolverán durante catro meses.
A actuación prevista contempla a renovación do pavimento e a mellora da conexión coa rúa Doutor Fleming, así como a adecuación das condicións de accesibilidade da rúa e do primeiro tramo das escaleiras que comunican coa avenida de Lugo, coa incorporación de novos elementos de seguridade.
Os traballos incluirán tamén a creación de pequenas zonas de estancia e descanso, dotadas de bancos, xardineiras, vexetación e novo alumeado, co obxectivo de converter este ámbito nun espazo máis agradable e funcional. Así mesmo, facilitarase tanto o tránsito peonil como o acceso dos vehículos aos garaxes existentes.
A Xunta destaca a importancia desta intervención, que terá unha repercusión directa na vida cotiá dos veciños, ao facilitar os desprazamentos, mellorar a seguridade e recuperar espazos públicos como lugares de encontro e convivencia.
A conselleira M. Allegue subliña que humanizar os espazos urbanos vai máis alá da renovación das infraestruturas, xa que implica adaptar as rúas e os equipamentos ás necesidades reais das persoas, especialmente das persoas maiores, das familias e daqueles colectivos con maiores dificultades de mobilidade.
A actuación de Chantada reflicte tamén a importancia da colaboración entre administracións para impulsar proxectos que contribúan ao equilibrio territorial, garantindo que as vilas galegas dispoñan de espazos públicos de calidade e sigan sendo lugares atractivos para vivir.
A Xunta reafirma así o seu compromiso de seguir acompañando os concellos na recuperación e mellora dos seus espazos urbanos, contribuíndo a facer das vilas galegas contornas máis accesibles, seguras, sostibles e acolledoras.
Porque o futuro de Galicia, tal e como destacou a conselleira, tamén se constrúe nas súas vilas, nos seus barrios e nas súas parroquias, con actuacións que melloran o día a día da cidadanía e contribúen a manter vivo o territorio.