Máis de 200 estudantes de toda Galicia amosan a súa capacidade de oratoria e debate en Lugo co apoio da Xunta
A Delegación Territorial acollerá este venres o concerto da artista madrileña TERE! dentro da programación da segunda edición do Torneo Lugo Debate
Lugo, 9 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou esta tarde na inauguración da segunda edición do Torneo Lugo Debate, que reúne na cidade a máis de 200 estudantes de Secundaria, Bacharelato e Universidade de toda Galicia. A Administración autonómica colabora novamente con esta actividade, que se desenvolverá dende hoxe ata o sábado, e facilita aloxamento aos participantes no complexo residencial xuvenil LUG II.
Arias felicitou aos organizadores, a asociación Más Debate, pola segunda edición deste certame “que máis aló dunha competición, é un espazo de encontro, de aprendizaxe compartida e de intercambio de ideas entre estudantes e docentes”.
O delegado territorial puxo en valor iniciativas coma esta “que reflicten e incentivan o talento da nosa mocidade” e felicitou aos participantes “por esforzarse para desenvolver habilidades que serán fundamentais no seu futuro, como a análise, a capacidade de reacción e a construción de argumentos sólidos”
A Escola de Relacións Laborais acolleu esta tarde o acto inaugural do torneo e as dúas primeiras roldas de debate. A competición seguirá durante toda a xornada do venres no mesmo escenario, mentres que o sábado a actividade trasladarase ao Círculo das Artes, onde se celebrarán as finais.
A programación prevista complétase con actividades complementarias para os participantes, como unha visita guiada á cidade, un obradoiro de oratoria, unha charla do guionista Pepe Coira, ou o concerto que a artista TERE! ofrecerá este venres no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta. A cantante madrileña, que foi a gañadora do certame Track Zero Fest -o concurso nacional de talento musical da asociación Más Debate-, inicia en Lugo unha xira que a levará tamén a cidades como Vigo, Madrid ou Liverpool.