María José Gómez destaca a importancia da Festa do Cocido de Porco Celta na posta en valor e recuperación das razas autóctonas galegas

A conselleira do Medio Rural asistiu hoxe a esta celebración no concello de Carballedo, na que se promocionan diferentes produtos agroalimentarios amparados por selos de calidade diferenciada

Desde o Goberno galego apóiase a conservación das razas autóctonas co obxectivo de preservar o patrimonio xenético e favorecer o seu desenvolvemento a través de axudas destinadas ás asociacións de criadores

Carballedo (Lugo), 11 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á III Mostra de Artesanía da Ribeira Sacra e Festa do Cocido de Porco Celta, que se celebra no concello lucense de Carballedo, onde destacou a importancia deste tipo de eventos para poñer de relevo e impulsar a recuperación das razas autóctonas da comunidade, así como para promocionar os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada.

Neste sentido, o evento busca promover este tipo de produtos e fomentar o seu consumo; dar visibilidade aos selos de calidade diferenciada co impulso do consumo local ou o apoio aos produtores; e tamén axuda a impulsar a economía local. Por iso, nesta festa promociónanse produtos amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra; polas indicacións xeográficas protexidas Pan de Cea, Pataca de Galicia, Mel de Galicia e Tarta de Santiago; pola Indicación Xeográfica Augardentes e Licores tradicionais de Galicia e polo distintivo Artesanía Alimentaria.

En concreto, organizouse un xantar popular centrado no cocido de porco celta con produtos tradicionais, acompañado por viño da Ribeira Sacra e sobremesas típicas. En canto á Mostra de Artesanía, preto dunha ducia de produtores locais contaron cun espazo no que amosar os seus produtos aos asistentes. Por último, e como novidade, tivo lugar a Festa do Cabalo cunha ruta e carreira de andadura e trote con diferentes premios para os participantes.

Apoio ás razas autóctonas

Desde o Goberno galego colabórase activamente na conservación das razas autóctonas co obxectivo de preservar o patrimonio xenético, impulsar o desenvolvemento rural e garantir a súa continuidade. Neste sentido, cóntase con axudas destinadas ás asociacións de criadores co obxectivo de mellorar a rendibilidade, modernizar o sector e conservar estas razas, dotadas cun orzamento de 270.000 euros.

A maiores, a Consellería do Medio Rural asinou o pasado ano un convenio coa Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) para dar continuidade ás actividades de recuperación, conservación e fomento do porco celta. O convenio está dotado cun orzamento de preto de 440.000 euros ata o 2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2026