A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego
Suspéndese a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos concellos afectados
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación, entre outros, aos concellos da provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026
A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Coa fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde media tarde de mañá sábado no noroeste e no oeste da provincia da Coruña e desde a medianoite no suroeste da Coruña e no litoral de Lugo e de Pontevedra, agardándose mar combinada de noroeste con ondas que poden acadar os seis metros.
A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no mar nos concellos afectados, que poden consultarse na web Deporte Galego.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.