María José Gómez insiste na remisión á Comisión Galega da Competencia de calquera indicio de irregularidade que se detecte nos contratos lácteos

A conselleira do Medio Rural participou esta tarde na inauguración da 42ª edición da Moexmu, onde reafirmou o seu compromiso cos produtores lácteos ante o descenso do prezo en orixe, unha baixada que cualificou de “inxustificada”

Asegurou que desde a Consellería estanse revisando todos os contratos para certificar que non hai incumprimentos e protexer os gandeiros; e tamén se están reforzando todos os controis para verificar o leite que entra doutros países

Pediu corresponsabilidade ás industrias, dado que con esta renovación dos contratos están poñendo en perigo a remuda xeracional pola que traballa o sector primario

Lembrou que se segue esixindo ao Goberno central unha maior implicación neste asunto para que mellore Lei da cadea alimentaria e que agarda poder manter unha reunión co ministro de Agricultura, solicitada hai case un mes, canto antes

Cospeito (Lugo), 10 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na inauguración da XLII Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), onde reafirmou o seu compromiso cos produtores lácteos galegos ante a baixada do prezo en orixe por parte das industrias, unha baixada que cualificou de “inxustificada”. Neste senso, asegurou que desde a Consellería estanse revisando todos os contratos para certificar que non hai incumprimentos e así protexer os produtores. Explicou que calquera indicio de irregularidade que se detecte, tanto nos contratos como na entrada de leite doutros países, remitirase á Comisión Galega da Competencia e, no seu caso, ás autoridades nacionais deste mesmo ámbito, se é necesario.

De feito, cómpre lembrar que xa se abriron unha vintena de expedientes e seguirase traballando nesta liña, co fin último de garantir un equilibrio na cadea de valor do leite e o cumprimento estrito da normativa. A maiores, lembrou que se segue esixindo ao Goberno central a súa implicación neste asunto e que actúe “con contundencia”, asegurando que se cumpra a Lei da cadea alimentaria e se mellore esta norma. “Está en xogo o futuro do noso rural”, salientou.

Concretamente, entre as melloras que se solicitan, destaca a necesidade de modificación da Lei para que estableza un sistema de cálculo dos custos de produción e mellore a súa eficacia coa publicación dun índice trimestral; á vez que se considera necesario actualizar o Paquete Lácteo para garantir que os produtores cubran os seus custos de produción no caso de acumular máis de 3 meses consecutivos de perdas e que poidan rexeitar ofertas por razóns de prezo. Demándase tamén establecer a prórroga automática dos contratos en ausencia de acordo. Ademais, a conselleira insistiu en que se segue reclamando unha reunión co ministro de Agricultura para abordar esta cuestión, unha reunión solicitada hai xa case un mes.

Sobre a Moexmu

A conselleira destacou no comezo desta nova edición da Moexmu o papel que desempeña como dinamizador económico e social  para a comarca da Terra Chá. Asegurou que a súa celebración contribúe a xerar oportunidades, dinamiza negocios e dá vida ao territorio e, en definitiva, apoia á fixación de poboación.

Por iso, recalcou que desde o Goberno galego manterase o apoio a este tipo de eventos nos que se pode comprobar o nivel de profesionalización do sector e tamén a calidade da cabana gandeira da nosa comunidade. Ademais, a conselleira enxalzou novamente o traballo que desenvolven os gandeiros galegos a prol do desenvolvemento e modernización do noso sector primario, e que desde o Goberno galego se apoia, por exemplo, con axudas para favorecer a remuda xeracional. Neste sentido, pediu tamén corresponsabilidade ás industrias neste asunto, dado que con esta renovación dos contratos están poñen en perigo, precisamente, esta remuda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2026