O Servizo Galego de Saúde convoca o primeiro concurso-oposición para o ingreso como persoal estatutario fixo na categoría de enxeñeiro biomédico

Por vez primeira, o departamento sanitario galego convoca un proceso selectivo para esta categoría estatutaria de recente creación

Ofértanse catro prazas e o prazo de inscrición remata o 22 de maio

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a convocatoria do concurso-oposición para o ingreso na categoría de  enxeñeiro biomédico.

Por vez primeira, o Servizo Galego de Saúde convoca un proceso selectivo para esta categoría estatutaria de recente creación, co fin de desenvolver, aplicar, manter e xestionar tecnoloxías biomédicas nas institucións sanitarias do sistema público de saúde.

O número total de prazas ofertadas é de catro, das cales tres son para a quenda de acceso libre e unha de promoción interna.

Solicitude de participación

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE). O prazo de inscrición de participación no proceso comeza a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución e remata o  22 de maio de 2026.

Os interesados en participar neste proceso selectivo deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo, os requisitos recollidos na resolución da convocatoria.

O órgano convocante poderá verificar certos requisitos de participación a través da plataforma de interoperabilidade da Xunta de Galicia (PasaXe!). Isto implica que os aspirantes que non se opoñan no formulario de solicitude de participación á consulta a través da plataforma de interoperabilidade non terán a obriga de achegar certa documentación acreditativa como o DNI ou NIE, o certificado de discapacidade ou o certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial se foron expedidos por organismos da Comunidade Autónoma de Galicia, a certificación de antigüidade como demandante de emprego e de non percibir no momento actual prestación ou subsidio por desemprego en calquera parte do territorio nacional. Fóra destes supostos ou cando conste a oposición expresa a súa consulta, os aspirantes deberán presentar a documentación acreditativa dos requisitos indicados na base segunda da convocatoria.

Os méritos a ter en conta na fase de concurso son os recollidos no Anexo IV da convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As persoas interesadas deberán rexistralos debidamente no seu expediente electrónico do profesional (Fides/expedient-e) e acreditalos documentalmente na forma e prazos indicados na convocatoria.

Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.

Data de actualización: 13/04/2026