A Xunta apoia unha nova edición da Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que se celebra este domingo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento, que contará con demostracións en vivo de oficios tradicionais e postos de venda

Lugo, 13 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da XVII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que se celebrará o vindeiro domingo, 19 de abril; está organizada polo Concello e a Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros da localidade coa colaboración do Goberno galego.

Arias subliñou a implicación da Xunta no desenvolvemento desta actividade “para poñer en valor os produtos artesanais, potenciar os oficios tradicionais e fomentar a remuda xeracional, obxectivos aos que contribuímos a través das marcas Artesanía de Galicia e Galicia Calidade”.

A feira contará con oito artesáns que realizarán demostracións en vivo do traballo da forxa; tamén haberá espazo para amosar outros oficios tradicionais, como pirogravado, cristal tallado, cerámica ou cestería, así como postos de venda de artesanía e produtos do campo.

As actividades desenvolveranse nunha carpa cuberta a partir das 11:00 horas. Ás 12:15 horas pronunciará o pregón o actor Luis Iglesia, natural do municipio, e media hora despois comenzará un obradoiro infantil a cargo do ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, o Mago Lolo protagonizará un espectáculo infantil no atrio da igrexa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2026