Nun encontro cos axentes turísticos locais e profesionais especializados
A Xunta avanza na coordinación da observación da eclipse co sector turistico local do destino Starlight de Lalín
Esta foi a primeira das xornadas de divulgación organizadas por Turismo de Galicia que se celebrarán nestes lugares Starlight para a observación astronómica
Xosé Merelles destacou a oportunidade deste fenómeno infrecuente para potenciar o astroturismo como recurso do destino Galicia
Lalín (Pontevedra), 13 de abril de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou esta maná a rolda de xornadas de divulgación da eclipse nos destinos Starlight dirixidas ao sector turístico de cada unha destas localizacións. Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou a necesidade dunha coordinación cos axentes locais de maneira que se garanta unha observación segura e ordenada deste fenómeno e se anticipen e coordinen todas as operacións e traslados que se podan realizar nesas datas. O director de Turismo subliñou que “a comunidade galega é un dos mellores lugareos do mundo para a súa visualización”.
Ademais, destacou a oportunidade que brinda a eclipse ao destino Galicia “desde o punto de vista turístico, científico e de proxección internacional” ao tempo que “nos permitirá amosar todo o noso potencial en astroturismo”.
O director de Turismo de Galicia tamén informou da comisión interdepartamental creada pola Xunta de Galicia, na que participan representantes das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Sanidade; Educación, Ciencia, Universidades e FP; así como Turismo de Galicia. Trasladou tamén que a o Executivo ten habilitado na web www.turismo.gal un espazo dedicado á eclipse que conta con toda a información de utilidade do fenómeno. A plataforma conta cun mapa interactivo que permite consultar, punto por punto, a hora de inicio, duración e tipo de eclipse —total ou parcial— en cada localización.
Referíndose ao ámbito turístico, Xosé Merelles subliñou que “a coincidencia coa primeira quincena de agosto fai prever niveis de ocupación +90-95%, situándose en parámetros de máxima ocupación”.
A xornada celebrada hoxe vén a dar continuidade á liña de traballo iniciada o pasado mes de mazo cos nove destinos Starlight da comunidade galega que ten como obxectivo coordinar a promoción turística da eclipse e analizar as previsións en canto a visitas destas áreas na data de observación do fenómeno natural. En concreto, a eclipse poderase ver de modo total en seis dos nove destinos Starlight e nos outros tres contemplarase de forma parcial.
Fenómeno infrecuente
A eclipse do vindeiro mes de agosto é un fenómeno extraordinariamente infrecuente, que non se producira na Península desde 1912 e que non volverá repetirse con carácter total ata o ano 2180. Ademais de en España, no continente europeo só se poderá observar con carácter total en Islandia, Groenlandia e Rusia.
No territorio galego, a franxa de totalidade atravesará desde Estaca de Bares ata a comarca de Valdeorras, ao longo de 143 concellos galegos situados nesta zona de observación privilexiada. Segundo as previsións: o fenómeno comezará arredor das 19:31 h. e prolongarase ata as 21:23 h. O momento de máxima escuridade será entre as 20:28 e as 20:30 h., en función da localización.