A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares, interveu nas XXIX Xornadas nacionais e XXII Xornadas internacionais de Enfermería
A Xunta destaca o labor do persoal de enfermería que forman 35 equipos de soporte de atención domiciliaria e que atenden especialmente pacientes no rural
Desde a súa posta en marcha xa realizaron máis de 214.000 consultas na casa a máis de 177.000 pacientes
A Consellería de Sanidade aposta pola especialización da enfermería, con 116 prazas de formación sanitaria especializada en 2025
A enfermería é clave para levar a cabo as campañas de vacinación, educación en saúde, programas de cribado e para un acompañamento continuo aos pacientes
Lugo, 14 de abril de 2026
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López, reivindicou hoxe o papel do persoal de enfermería que compoñen os 35 equipos de soporte de atención domiciliaria de atención primaria para atender en especial pacientes con patoloxías crónicas e que viven no rural.
Sofía López, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, interveu esta mañá nas XXIX Xornadas nacionais e XXII Xornadas internacionais de Enfermería celebradas hoxe na Facultade de Veterinaria do campus lucense.
Nas súas palabras, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria referiuse á importante actividade das profesionais de enfermería que forman estes equipos e que, desde a súa posta en marcha de forma innovadora en 2023, xa realizaron máis de 214.000 consultas e atenderon máis de 177.000 pacientes nas súas casas en toda Galicia.
Sofía López salientou a necesidade dunha enfermería forte para atender unha poboación cada vez máis lonxeva. “Cómpre ofrecer respostas eficaces a pacientes con idades avanzadas, pluripatolóxicos e que, moitas veces, viven sós”, explicou a directora xeral.
Por iso, sinalou a importancia da especialización da categoría de enfermería para a que a Xunta ofertou 116 prazas de formación sanitaria especializada en 2025.
En concreto, sobre a especialidade de enfermería familiar e comunitaria puxo de relevancia o seu labor para levar á práctica as campañas de vacinación que deseña a Consellería de Sanidade, ademais de ter un papel relevante na educación en saúde e nos programas de cribado.
“Investir en enfermería é investir en saúde, calidade e futuro”, concluíu a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.