O delegado territorial participa nas charlas formativas de educación cívico-tributaria da Xunta ao alumnado de primaria do CEIP de Guins en Melón

Manuel Pardo destacou que o obxectivo desta acción formativa é transmitir valores e actitudes favorables á responsabilidade fiscal e fomentar a conciencia fiscal colectiva da cidadanía desde idades temperás

O alcalde de Melón trasladoulle ao delegado territorial algunhas das necesidades do municipio que Manuel Pardo se comprometeu a estudar, á vez que lle brindou a colaboración da Xunta

Ourense, 14 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Melón, para participar nas charlas formativas de educación cívico-tributaria ao alumnado de quinto e sexto de primaria do colexio CEIP de Quins, organizadas pola Xunta a través da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).

O delegado territorial destacou que o obxectivo desta acción formativa é transmitir valores e actitudes favorables á responsabilidade fiscal e fomentar a conciencia fiscal colectiva da cidadanía desde idades temperás: explicándolles para que serven os impostos, que é a fraude fiscal e as súas consecuencias, e a importancia de evitalo.

Durante as charlas proxectouse un vídeo para explicar que son e para que serven os impostos, os distintos tipos de tributos, que é a fraude fiscal e a importancia de evitalo para poder contar con todos os servizos públicos que a sociedade precisa para o seu bo funcionamento. Ao remate do mesmo, fixéronse unha serie de preguntas con distintas opcións para valorar a aprendizaxe na sesión.

Reunión co alcalde

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, reuniuse esta mañá co alcalde de Melón, Emilio Luis Díaz, co que analizou as principais demandas do municipio en relación á Administración autonómica.

Manuel Pardo destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns.

Durante o encontro, o alcalde trasladoulle ao delegado territorial algunhas das necesidades do municipio que Manuel Pardo se comprometeu a estudar, á vez que lle brindou a colaboración da Xunta.

Data de actualización: 14/04/2026