O delegado territorial da Xunta en Pontevedra lembra que o prazo para participar no programa ‘O Teu Xacobeo’ está aberto ata o 27 deste mes
Trátase dunha iniciativa de carácter plurianual, que abrangue proxectos a desenvolver nos exercicios 2026 e 2027, á que a Xunta de Galicia destina 3 M€
Reguera asegurou que a administración autonómica porá todo o seu esforzo e os recursos necesarios en potenciar un Xacobeo que promete ser memorable
Pontevedra, 14 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, informou esta mañá sobre o novo programa O Teu Xacobeo e animou á cidadanía, así como a empresas e entidades, a presentar iniciativas para participar no mesmo.
O delegado lembrou que o pasado mes de marzo o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria da nova edición do programa O Teu Xacobeo. Trátase dunha iniciativa de carácter plurianual, que abrangue proxectos a desenvolver nos exercicios 2026 e 2027, á que a Xunta de Galicia destina 3 M€. O prazo de solicitude para os proxectos a executar durante este mesmo ano finalizará o 27 de abril.
Ademais, a Reguera destacou que esta convocatoria enmárcase dentro da liña estratéxica de actuación de Turismo de Galicia, así como no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027. Neste sentido, destácase a vontade de implicación da sociedade galega -empresas, entidades e cidadanía en xeral- na celebración e deseño do programa de eventos e actos do Xacobeo 2027.
Mediante esta medida garántese que na programación teñan cabida tanto actos de gran dimensión como iniciativas promovidas desde o territorio, con protagonistas locais que fomenten os valores xacobeos universais da solidariedade, a hospitalidade e a tolerancia, e que poñan en valor recursos turísticos estratéxicos coma a natureza, o patrimonio e a gastronomía.
O delegado explicou que “a administración autonómica é consciente da importancia que ten este acontecemento para a economía e a imaxe exterior de Galicia e por porá todo o seu esforzo e os recursos necesarios en potenciar un Xacobeo que promete ser memorable”.
Dúas liñas diferenciadas
A nivel económico, os 3M€ cos que está dotada esta nova convocatoria distribúense en dúas liñas diferenciadas. Por unha banda, hai unha destinada a persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, á que se destinan 2M€. Unha segunda liña está centrada en proxectos de entidades sen ánimo de lucro, dotada en total con 1M€. As axudas poderán acadar ata o 60% do orzamento subvencionable no caso de entidades privadas e ata o 80% no caso de entidades sen ánimo de lucro, cun límite máximo de 25.000 euros por proxecto.
No caso das iniciativas que se desenvolvan en 2026, os proxectos deberán executarse desde o 1 de xullo de 2026 ata o 30 de novembro de 2026, e desde o 1 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2027, se se desenvolven o vindeiro ano.
Ámbitos dos proxectos
En relación ao tipo de iniciativas que teñen cabida nesta convocatoria, estas poderán ser de ámbitos artístico, patrimonial e de pensamento, deportivo e social, sempre que contribúan á dinamización dos Camiños de Santiago, ao desenvolvemento rural, á inclusión e á accesibilidade, e que incorporen criterios de calidade, igualdade e respecto polo medio ambiente.
O programa O teu Xacobeo colle o relevo da edición Xacobeo 2021-2022, que se propuxo implicar á sociedade na celebración do dobre Ano Santo mediante o apoio a proxectos socioculturais en torno á temática xacobea. Esta edición supuxo un fito histórico na celebración dos Anos Santos Composteláns, así como un importante motor de recuperación económica e social do territorio no contexto da postpandemia. En anteriores convocatorias, concedéronse 572 proxectos cun investimento de 8M€ e case 15M€ mobilizados.