A Xunta dá luz verde ambiental ao cambio de uso de solo forestal a agrícola de varias parcelas para o plantado de viñedos no concello de Toén

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que o proxecto teña impactos significativos sobre a contorna sempre e cando se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

A iniciativa para cultivar vides abrangue unha superficie de 17 hectáreas localizadas no monte veciñal en man común A Fenteira, na parroquia de Puga

Para cambiar a funcionalidade orixinal dos terreos, eliminarase o estrato arbóreo e arbustivo, procederase ao abonado e, finalmente, ao plantado das vides

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a unha iniciativa para cambiar o uso do solo de forestal a agrícola de dez parcelas, que suman unha superficie de 17,1 hectáreas e localizadas no monte veciñal en man común A Fenteira, no concello de Toén, para o plantado de viñedos.

Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados do proxecto sempre que no seu desenvolvemento se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública sen que se recibira ningunha achega por parte do público en xeral, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.

Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

En concreto, conclúen que sería viable a posta en marcha do proxecto sempre que se cumpran as condicións específicas dispostas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, a poboación e a saúde; da auga e dos leitos fluviais; da xestión de residuos; da fauna e da vexetación; do patrimonio cultural e da integración paisaxística, entre outros.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade tamén nos próximos días a través dun anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Para executar este proxecto na parroquia de Puga prevese realizar labores de apeo, pica e saca do estrato arbóreo existente (conformado maioritariamente por piñeiros), roza das masas arbustivas, rotura do terreo e abonado e, finalmente, o plantado das vides, ben de maneira manual ou con maquinaria, e construción de espaleiras con postes de madeira ou metálicos e fíos que servirán de guía para as plantas, elevándoas do solo e permitindo a realización dos labores mecanizados do viñedo.

Durante a fase de explotación levaranse a cabo tarefas relacionadas co propio aproveitamento e mantemento das vides tales como rozas, replantacións, fertilización, tratamentos fitosanitarios, podas e recollida dos froitos.

Data de actualización: 15/04/2026