A Xunta pon en valor a aposta das mulleres emprendedoras por xerar emprego nas zonas rurais
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural clausurou hoxe o Programa de Aceleración de Mulleres Emprendedoras do Medio Rural
Recoñeceu a importancia de iniciativas como esta que contribúen a crear redes, compartir experiencias, gañar confianza e atopar posibles colaboracións para seguir impulsando proxectos que son exemplo do talento existente nestas contornas
Desde a Consellería apóiase a este tipo de iniciativas empresariais que favorecen a dinamización do rural e, por iso, a convocatoria do Leader deste ano conta cun orzamento histórico de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2028
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, clausurou hoxe o Programa de Aceleración de Mulleres Emprendedoras do Medo Rural, onde puxo en valor a aposta destas mulleres por xerar emprego neste tipo de contornas. O acto, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea, contou tamén coa presenza da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño.
Durante a súa intervención, Rodríguez destacou a participación neste programa, no que se reuniu a 50 mulleres beneficiarias de intervención Leader para poñer en marcha os seus proxectos empresariais no ámbito rural. “Non chegastes aquí cunha idea, senón coa decisión de intentar convertela nun proxecto real”, asegurou.
A directora xeral recoñeceu a importancia de iniciativas como este programa, que contribúen a crear redes, compartir experiencias, gañar confianza e atopar posibles colaboracións. Neste sentido, as participantes tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos, que son exemplo de que no rural galego hai talento e creatividade. Rodríguez afirmou que emprender nestas contornas “é abrir unha porta ao futuro”.
Convocatoria do Leader neste 2026
Desde a Consellería do Medio Rural apóiase a este tipo de iniciativas empresariais que favorecen a dinamización do rural e, por iso, a convocatoria do Leader deste ano conta cun orzamento histórico de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2028, e que recibiu preto dun milleiro de solicitudes, un 65 % máis con respecto á anterior.