O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria de Vigo, visitou o centro de saúde do Porriño
Gómez Caamaño avanza o reforzo do PAC do Porriño cunha nova praza de médico que permitirá mellorar a atención das urxencias polas tardes e nas fins de semana
O titular de Sanidade subliña que, pese á falta de médicos en todo o Estado, o centro de saúde do Porriño conta na actualidade coa práctica totalidade do seu persoal cuberto, grazas ás melloras organizativas impulsadas polos responsables da área sanitaria
Considera imprescindible abordar unha reforma integral da atención primaria na comunidade, que estará deseñada neste primeiro semestre do ano
Refire que a reforma da primaria pasa por seguir mellorando as condicións laborais e retributivas dos profesionais, na liña dos acordos acadados cos sindicatos nos últimos meses
O Porriño (Pontevedra), 15 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe o reforzo do Punto de Atención Continuada do Porriño cunha nova praza de médico, que permitirá mellorar a atención das urxencias en horario de tarde de luns a sábado e con cobertura de 8 a 22 horas nos domingos.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, visitou o centro de saúde do Porriño para agradecerlles aos profesionais o seu traballo e para abordar coa dirección da área, os responsables do servizo e o Concello as necesidades asistenciais deste centro.
O conselleiro sinalou a coincidencia de todos en que é oportuno incrementar a presenza de médicos neste dispositivo asistencial a partir das 15 horas para atender as urxencias extrahospitalarias, como se está a facer nas últimas semanas, pero convertendo este reforzo en estrutural.
O máximo responsable do Sergas lembrou que o centro de saúde do Porriño é un dispositivo con gran volume de actividade, xa que presta asistencia a unha poboación de máis de 21.000 persoas e, no caso do PAC, esta cifra duplícase ata os 43.500 veciños e veciñas.
Falta de médicos
Gómez Caamaño incidiu no problema que toda España está a padecer de falta de médicos de atención primaria, e o Ministerio de Sanidade, que é o organismo que debe solucionar este asunto, non pon remedio a esta situación, o que trae como consecuencia moitas dificultades para cubrir todas as prazas nos centros de saúde.
Ao respecto deste tema, o conselleiro puxo en valor o traballo da xerencia da área sanitaria de Vigo e o compromiso dos profesionais, posibilitando nestes meses cubrir practicamente todas as prazas do cadro de persoal.
En consecuencia, -incidiu o titular de Sanidade- o centro de saúde do Porriño conta na actualidade coa práctica totalidade do seu persoal cuberto, grazas ás melloras organizativas impulsadas polos responsables sanitarios desta área.
Reforma da atención primaria
O conselleiro explicou que, a pesar da falta de médicos, a Xunta está a facer todo o que está nas súas mans para asegurar o bo funcionamento da atención primaria, procurando as mellores condicións de traballo para os profesionais e a mellor asistencia para os pacientes.
Neste senso, os orzamentos da Xunta destinan preto de 1.750 millóns de euros a este nivel asistencial, case un 5 % máis que no 2025. Ademais, nos últimos catro anos, o Executivo galego investiu 90 millóns de euros para adquirir equipamento e tecnoloxía punteira.
Gómez Caamaño considera imprescindible abordar unha reforma integral da atención primaria na comunidade, que estará deseñada neste primeiro semestre do ano. Esta reforma pasa por seguir mellorando as condicións laborais e retributivas dos profesionais, na liña dos acordos acadados cos sindicatos nos últimos meses, e que hoxe mesmo continúanse a negociar na Mesa Sectorial.
Esta reforma, segundo o conselleiro, pasa tamén por reducir a carga burocrática dos médicos e limitar a súa axenda a un limiar de 30 atencións por xornada ordinaria.
Engadido ao anterior, a reforma inclúe a creación dunha dirección xeral de Atención Primaria para darlle a este nivel asistencial o peso que lle corresponde como pedra angular do sistema sanitario.
Para concluír a súa intervención, o conselleiro reiterou o compromiso da Xunta coa atención primaria e coa sanidade pública do Porriño, que quedou demostrado cando dedicou 5,4 millóns de euros á reforma deste centro, e o volveu demostrar agora co traballo para garantir a dispoñibilidade de médicos para garantir a asistencia.