A Xunta abre hoxe o prazo de solicitudes para as actividades da campaña de verán

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta nesta edición coa maior oferta da súa historia ao alcanzar un total de 11.932 prazas

As persoas interesadas poden inscribirse desde hoxe na modalidade de campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e uso concertado de instalacións xuvenís

O prazo para anotarse nas actividades para maiores de 18 anos comezará a mediados de maio

López Campos destaca que se trata “dunha programación ambiciosa que segue a consolidarse como un referente no Estado, e que tratamos de mellorar cada ano

Bergondo (A Coruña), 16 de abril de 2026

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de solicitudes para unha campaña de verán “que volve  alcanzar cifras históricas un ano máis, superando as 11.900 prazas, o que supón 300 máis que no 2025”. Así o destacou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que presentou as actividades do programa, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, no albergue xuvenil Marina Española, unha das instalacións onde se desenvolven algunhas das propostas.

Así, o representante do Goberno galego fixo fincapé en que Modo Verán Activo é “unha programación ambiciosa, moi agardada polas familias, que intentamos mellorar cada edición para dar resposta á demanda de actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, para que a nosa mocidade goce dun verán inesquecible”. Isto fai, engadiu, “que sigamos a consolidarnos como un referente en todo o Estado pola calidade das nosas accións”. Nese proceso de mellora, indicou, “tamén introducimos como novidade unha preferencia no sorteo para aquelas persoas que non resultaran agraciadas cunha praza directamente no sorteo do ano pasado”, tendo como obxectivo, puntualizou, “dotar o sistema dunha maior equidade coa rotación de prazas na adxudicación”.

Ademais, López Campos resaltou que “sempre avogamos por unha campaña plenamente integradora e inclusiva na que todos os mozas e mozas participan en igualdade e conta co persoa de apoio especializado que se precise”. Neste senso, tamén se referiu “ao traballo conxunto e transversal dos distintos departamentos da Xunta” tendo en conta a colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade; do Medio Rural; de Emprego, Comercio e Emigración ou de Facenda.

Durante o acto, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude debullou algúns puntos da programación cuxo prazo de solicitudes se abre hoxe para as modalidades de campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e actividades concertadas en instalacións xuvenís, tras a súa publicación onte no Diario Oficial de Galicia.

Por outra banda, destacou que o principal piar da campaña son os campamentos, que presentan  a maior oferta e están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos. “Este ano contamos con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións das 4 provincias, o que supón 173 máis con respecto ás do ano pasado”, explicou. A estas hai que sumarlle as 301 dispoñibles fóra da Comunidade a través dos intercambios co País Vasco, Castela e León, Castela-A Mancha, A Rioxa, Madrid e Cantabria. Ademais, engádense 105 prazas nos campamentos específicos para persoas con discapacidade convocadas a través da Consellería de Política Social.

O programa inclúe este ano novos campamentos como Experiencia Galicia Calidade do Verán, en Boqueixón; Explora o Rural, en Vilariño de Conso;  Un verán para lembrar e Multideporte, en Monzariz Balneario. Ademais, como novidade, amplía o número de prazas en Aventura de Montaña, en Becerreá; nas actividades que se desenvolven no Albergue Xuvenil LUG II, en Lugo; en Hípica e Teatro, en Coles; en Multiaventura, en Corgo de Muíños, e no campamento que se desenvolve no Albergue Municipal de Bande.

A esta oferta súmanse os minicampamentos Coñece Galicia para a franxa de idade comprendida entre os 9 e 12 anos. Trátase dunha proposta lúdico formativa que aumenta en preto de 100 as súas prazas con respecto ao 2025, chegando ás 876 distribuídas en 13 programas. Desenvólvese en espazos naturais cunha duración de cinco días, de luns a venres, en aloxamentos distribuídos por toda a xeografía galega co obxectivo de favorecer as necesidades de conciliación e coidado das familias á vez que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia.

815 prazas nos campos de voluntariado

Os campos de voluntariado incrementan as súas prazas nesta convocatoria, ata as 815. Delas, 665 distribúense entre as 40 propostas localizadas en Galicia, ás que hai que sumar outras 75 prazas noutras comunidades autónomas e 75 máis no estranxeiro.

Trátase de accións que maioritariamente se desenvolven en colaboración cos concellos e pretenden favorecer a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos á vez que gozan de alternativas de lecer e tempo libre.

Como novidades, recupérase o campo Alí, Xaz, en Ponteceso, e Samos, en Lugo. Así mesmo, inclúense outros novos: Monte Cido, en Folgoso do Courel; Territorio Sonoro, no Incio; Fervenza das Polancas, en Quiroga;  Camiño de Inverno: natureza e arte en cada paso, no Barco de Valdeorras; Volobriga, no Bolo; Memoria Viva, na Estrada; Memoria do Mar, en Baiona, e Ons, en Bueu.

Outra das modalidades desta oferta directa son as actividades concertadas nas instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas. A proposta ten 1.270 prazas organizadas en quendas de cinco a 10 días de duración.

Por outra banda, a mediados de maio comezará o prazo para inscribirse no paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos, que ofrece 160 prazas centradas en cinco programas de cinco días de duración. Os mozos e mozas poderán mellorar as competencias e habilidades a través da educación non formal de maneira que coñezan a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia.

Procedemento de solicitudes

Tras a publicación onte da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, o prazo de inscricións estenderase desde hoxe ata o mércores 29 de abril para campamentos e minicampamentos. Neste caso, a solicitude debe facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e a adxudicación de prazas levarase a cabo mediante sorteo, priorizando este ano a aquelas persoas que non participaran nunha actividade adxudicada directamente na fase de sorteo de 2025.

No caso dos campos de voluntariado en Galicia, as solicitudes presentaranse mediante un formulario habilitado no portal de Xuventude, tamén no mesmo prazo, desde o 16 ao 29 de abril. No que respecta aos campos noutras comunidades autónomas solicitaranse dende o 22 ao 29 de abril, e os que teñen lugar no estranxeiro xa teñen o prazo aberto desde o 5 de marzo. Nesta modalidade as prazas outorgaranse por orde de inscrición.

Por outra banda, a oferta concertada para o uso de instalacións xuvenís abre o prazo hoxe canda os campamentos e minicampamentos cun prazo de 7 días hábiles, máis a súa é unha convocatoria propia en cuxas bases se establece a orde de prelación nas prazas.

No que respecta ao programa de ocio para maiores de 18 anos, abrirase máis adiante, cara mediados de maio. As solicitudes nesta modalidade faranse mediante formulario web, mentres que a adxudicación de prazas será por orde de inscrición.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2026