A Xunta presenta o programa ‘Adestrar sen pantallas, gañar en saúde’ para fomentar o lecer saudable a través do deporte

Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Sanidade participaron na xornada informativa para achegarlles a profesionais dos eidos deportivo, sanitario e municipal a iniciativa impulsada xunto coa Fundación Galega contra o Narcotráfico

Implantarase como proxecto piloto nos concellos da Estrada, Cambados, Ribeira e Vilagarcía de Arousa co obxectivo de chegar a máis de 500 rapaces de categoría infantil de clubs de baloncesto, balonmán, fútbol e ximnasia

O obxectivo é promover desde o deporte unha maior sensibilización social sobre a necesidade dun uso saudable das pantallas entre a poboación máis nova

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026

Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaron hoxe na presentación do programa Adestrar sen pantallas, gañar en saúde, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración coa Fundación Galega contra o narcotráfico co obxectivo de promover desde o deporte unha maior sensibilización social sobre a necesidade dun uso saudable das pantallas entre a poboación máis nova.

Durante a xornada, á que asistiu tamén o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, medio cento de profesionais do eido deportivo, sanitario e municipal coñeceron as características e obxectivos da medida, que se vai implantar a partir de setembro como proxecto piloto nos concellos da Estrada, Cambados, Ribeira e Vilagarcía de Arousa. A previsión é chegar a máis de 500 rapaces e rapazas da categoría infantil de clubs de baloncesto, balonmán, fútbol e ximnasia.

Así, a través de clubs deportivos destas disciplinas impartiranse sesións de presentación ás familias e formarase as persoas adestradoras que impartirán o programa nas localidades seleccionadas. Desenvolveranse tamén accións informativas dirixidas á rapazada durante os adestramentos. No conxunto das sesións abordaranse temas como a privacidade e a fenda dixital, contactos de risco, convivencia e límites, benestar e uso problemático, videoxogos e apostas deportivas.

Adestrar sen pantallas, gañar en saúde céntrase no desenvolvemento de competencias emocionais e relacionais, nos riscos asociados ao uso abusivo de pantallas e nas estratexias para a promoción do benestar dixital. As actuacións previstas buscan instar ás familias e á comunidade a tomar conciencia e a fomentar a práctica deportiva e a actividade física como alternativa de ocio saudable e desenvolvemento integral, a través de persoas adestradoras formadas de maneira específica.

Con esta medida quérese tamén favorecer a detección precoz e a prevención das novas formas de adicción entre a poboación máis nova, especialmente o uso compulsivo de Internet e as Redes Sociais ou a posible adicción aos videoxogos, ao tempo que se fomenta o desenvolvemento de habilidades sociais, emocionais e físicas a través da práctica deportiva, como contrapunto ao sedentarismo e ao uso excesivo de pantallas.

Fortalezas do deporte

Na súa intervención, o conselleiro de Deportes incidiu nas fortalezas do deporte, xa que favorece tanto a saúde física e mental como o desenvolvemento de habilidades sociais e a integración. Para Diego Calvo, é fundamental que familias e rapazada tomen conciencia da importancia da práctica deportiva para gozar dunha vida saudable, polo que animou a veciñanza dos concellos da Estrada, Cambados, Ribeira e Vilagarcía de Arousa a participar en Adestrar sen pantallas, gañar en saúde.

O conselleiro salientou tamén a unión de esforzos na que se basea o programa, coa implicación de administracións, entidades deportivas, profesionais sanitarios e sociedade “para que as novas xeracións integren o deporte nas súas rutinas”. Nesta liña, a Xunta impulsa tamén a iniciativa Adestra a túa saúde, dirixida a fomentar a práctica deportiva en persoas maiores de 60 anos e que, tras comezar tamén de maneira experimental en 2022 nos municipios de Arteixo e Abegondo, o pasado ano se implantou en máis de 20 concellos.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou que este novo programa tamén aliña co Plan Obesidade Zero, que promove a Dirección Xeral de Saúde Pública na loita contra o sobrepeso, ou coa recente Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, que ten por obxecto velar polo benestar da mocidade

Así, e segundo destacou o titular da carteira sanitaria da Xunta, o obxectivo é “mellorar os hábitos de vida da poboación galega ao longo de todo o ciclo vital”, destacando ademais que o novo Plan de Saúde Mental que está a preparar o seu departamento, prestará especial atención ao eido das adiccións entre a poboación moza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2026