A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago de Compostela

A Xunta e Cretus avalían vías de colaboración para reforzar o papel de Galicia como referente en políticas ambientais e sostibilidade a nivel internacional

Coinciden en sinalar a celebración en Galicia da conferencia internacional da Sociedade para os Sistemas Socio-Ecolóxicos como unha oportunidade para visibilizar as prácticas e iniciativas galegas no eido da sostibilidade e da conservación da biodiversidade

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, analizou hoxe con representantes do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago de Compostela vías de colaboración para reforzar o papel de Galicia como referente en políticas ambientais e sostibilidade a nivel internacional.

En concreto, durante unha reunión que mantivo hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, con membros do equipo de investigación EqualSea Lab, abordaron a celebración en Galicia o vindeiro ano 2027 da conferencia internacional da Sociedade para os Sistemas Socio-Ecolóxicos (SocSES), que reunirá na Comunidade a representantes de universidades, institutos de investigación, redes e grupos de laboratorio de todo o mundo.

Nese senso, a conselleira e Carlos Sebastián Villasante, que dirixe o EqualSea Lab, coincidiron en cualificar esa reunión como unha oportunidade estratéxica para visibilizar as prácticas e iniciativas galegas en materia de sostibilidade, economía circular e conservación da biodiversidade.

Cómpre indicar que a  SocSES organízase en varias correntes temáticas, entendidas como redes dirixidas por grupos de traballo que permiten a colaboración e a aprendizaxe sobre temas concretos no campos das relacións entre os sistemas humanos e a natureza. Así, o seu obxectivo avanzar na investigación innovadora e traballar na intersección entre sostibilidade ambiental, benestar humano e gobernanza dos sistemas socio-ecolóxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2026