Belén do Campo participa na campaña de doazón de sangue para fomentar a solidariedade entre o persoal da Xunta e a cidadanía
A delegada da Xunta trasladou o seu sincero agradecemento a todas as persoas doantes, e de maneira especial nesta ocasión, ao persoal da Xunta e ás persoas usuarias do edificio administrativo, polo seu compromiso cun xesto solidario que salva vidas
A Coruña, 17 de abril de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou esta mañá na campaña de doazón de sangue desenvolvida nunha unidade móbil instalada no edificio administrativo da Xunta, en horario de 09:30 a 14:30 horas, co obxectivo de fomentar a participación das traballadoras e traballadores da Xunta e da cidadanía coruñesa. Na xornada de hoxe tamén participaron na doazón a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, a directora da Consellería de Política Social, María Blanco e a directora da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Mar Ferreiro.
Esta iniciativa enmárcase dentro das campañas que leva a cabo a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para achegar este xesto solidario a empresas e organismos públicos de toda Galicia, facilitando así a participación da poboación na doazón de sangue. Neste senso a delegada lembrou que ADOS visita a miúdo o administrativo da Xunta na Coruña obtendo nos últimos anos un total de 1.173 doazóns de sangue.
Durante a súa visita, Belén do Campo puxo de manifesto a importancia de colaborar neste tipo de campañas e lembrou que cada día son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue para garantir o correcto desenvolvemento da actividade asistencial nos centros hospitalarios galegos.
A delegada da Xunta trasladou tamén o seu sincero agradecemento a todas as persoas doantes, e de maneira especial nesta ocasión, ao persoal da Xunta e ás persoas usuarias do edificio administrativo, polo seu compromiso cun xesto solidario que salva vidas. Así mesmo, destacou que este centro se caracteriza pola súa implicación constante no desenvolvemento destas campañas de doazón.
A representante do Goberno autonómico lembrou que na xornada de hoxe as unidades móbiles estiveron tamén presentes en distintos concellos da provincia da Coruña, como A Laracha (praza do Concello), Boiro (praza do Concello) e Teo (ao carón restaurante Pórtico Cacheiras) e mañá sábado, 18 de abril, estarán tamén nos concellos coruñeses de Ordes (detrás do Concello, entre os parques municipais) e Boiro (praza do Concello).
Para máis información sobre a doazón de sangue ou para consultar o calendario de desprazamentos das unidades móbiles, as persoas interesadas poden visitar a páxina web de ADOS (ados.sergas.gal), as súas redes sociais ou chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828.