O conselleiro de Sanidade, xunto co director xeral de Asistencia Sanitaria e coa subdirectora de Atención á Saúde Mental do Sergas, mantivo unha xuntanza con estes profesionais do primeiro nivel asistencial
A Consellería de Sanidade reúne aos profesionais da rede de psicólogos clínicos de atención primaria para coordinar criterios de actuación
O Servizo Galego de Saúde avanza no despregamento operativo e consolidación da rede, con 28 profesionais previstos para prestar nas sete áreas sanitarias nesta primeira etapa
O obxectivo é seguir aumentando esta rede de psicólogos clínicos na atención primaria ata chegar a 50 antes do ano 2030
A iniciativa supón reforzar a atención sanitaria á saúde mental ao incorporar de maneira estable a psicoloxía clínica no primeiro nivel asistencial
Con esta rede, o Goberno galego segue a incrementar a carteira de servizos dos centros de saúde
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2026
Os psicólogos clínicos da rede de psicoloxía clínica de atención primaria creada polo Servizo Galego de Saúde reuníronse esta semana no edificio administrativo da Consellería de Sanidade co grupo de traballo de Saúde Mental, que leva un ano traballando na posta en marcha deste dispositivo.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, e coa subdirectora de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, asistiu á xuntanza de traballo con estes profesionais, que está previsto celebrar de xeito periódico.
Na actualidade a rede, que ten como obxectivo reforzar a atención á saúde mental desde o primeiro nivel asistencial, atópase en fase de despregamento operativo e consolidación, para acadar os 28 profesionais contratados nas sete áreas sanitarias nesta primeira etapa. Agora mesmo están xa incorporados 26 profesionais e previsto en breve a incorporación doutro máis cando acabe o seu período de formación.
Deste xeito, a Xunta avanza cara ao obxectivo de seguir aumentando esta rede de psicólogos clínicos na atención primaria ata chegar a 50 antes do ano 2030, de acordo co progresivo incremento previsto de profesionais dispoñibles para a súa contratación.
O grupo de traballo de saúde mental está composto por profesionais de psiquiatría, medicina familiar e comunitaria, enfermería, traballo social, psicoloxía clínica e persoal técnico da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas. A súa composición multidisciplinar garante unha visión integral na toma de decisións e na definición das actividades que se desenvolven.
Como consecuencia do traballo realizado neste grupo multidisciplinar, estase a piques de finalizar un documento de consenso que será presentando en breve.
Engadido ao anterior, están en marcha reunións e sesións técnicas periódicas para coordinar criterios e avanzar na definición dun modelo asistencial común.
Funcións principais
Os psicólogos clínicos de atención primaria desenvolven funcións orientadas á intervención psicolóxica individual e grupal para problemas de alta prevalencia, principalmente ansiedade, depresión leve-moderada e trastornos adaptativos.
Tamén desenvolven funcións de avaliación clínica e psicosocial, orientación terapéutica, tratamento psicolóxico e resolución no propio nivel de atención primaria.
Outras funcións destes profesionais é a coordinación co equipo multidisciplinar (medicina de familia, enfermería e traballo social) para unha atención integral; a prevención e promoción da saúde mental, incluíndo actividades de educación para a saúde; a detección temperá de trastornos de maior complexidade e derivación axeitada a unidades especializadas e a participación na planificación asistencial.
Vantaxes da rede
A rede creada polo departamento sanitario da Xunta supón un avance importante, ao incorporar de maneira estable a psicoloxía clínica no primeiro nivel asistencial. Ademais, facilita unha atención máis próxima e accesible, reducindo derivacións innecesarias e mellorando a continuidade asistencial.
Xunto ao anterior, a rede impulsa un modelo comunitario, máis preventivo e centrado na persoa.
Con esta medida, o Goberno galego segue a incrementar a carteira de servizos dos centros de saúde co obxectivo de mellorar a detección, a avaliación e o tratamento dos trastornos mentais comúns da poboación.