A Xunta participa na Coruña no arranque das actividades do Camiño do emprendemento musical cunha xornada enfocada no autoemprego

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asistiron na sede do Centro de Orientación ao Emprendemento á primeira xornada do programa de 2026

Nela abordouse o potencial de Galicia como referente na música e no emprendemento, contando coa participación de Live Nation, empresa líder mundial na xestión de xiras e concertos a gran escala, así como cunha charla con proxectos musicais emerxentes

A programación continuará os días 29 e 30 de maio en Muxía, onde se celebrarán dúas xornadas de convivencia en formato ‘bootcamp’, nas que se impartirán charlas e sesións formativas sobre produción musical, talleres de DJ ou marketing artístico

A Coruña, 18 de abril de 2026

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participaron hoxe na sede do Centro de Orientación ao Emprendemento da Coruña no inicio das actividades do programa deste ano do Camiño do emprendemento musical, unha proposta organizada por Wake Up coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

A iniciativa está orientada a introducir, formar e mentorizar á mocidade galega interesada en considerar a industria musical e de eventos como unha posible saída profesional. Concretamente, na xornada de hoxe abordouse o potencial de Galicia como referente na música e no emprendemento, contando coa participación de Live Nation, empresa líder mundial na xestión de xiras e concertos a gran escala, así como cunha charla con proxectos musicais emerxentes.

Mariño puxo en valor o impulso ao emprendemento a través do contacto directo con profesionais do sector, co obxectivo de que as persoas participantes coñezan de primeira man os seus inicios, os retos actuais e as oportunidades reais de desenvolvemento profesional.

Calendario de actividades

A programación continuará os días 29 e 30 de maio en Muxía, onde se celebrarán dúas xornadas de convivencia en formato bootcamp, nas que se impartirán charlas e sesións formativas sobre produción musical, talleres de DJ, emprendemento, marketing artístico e xestión de redes sociais.

A seguinte cita terá lugar o 4 de xuño en Santiago, cunha xornada centrada na produción e organización de festivais e outros eventos de gran formato. O 18 de xullo será a quenda de Viveiro, cun encontro enfocado nos festivais de pequeno formato e o seu impacto cultural. Xa en setembro, o día 25, A Coruña acollerá unha sesión de introdución ao mercado laboral no ámbito musical, con experiencias e consellos de profesionais do sector. A programación concluirá en Vigo o 30 de outubro cun acto de peche no que se porán en común as aprendizaxes do último ano. As inscricións para participar poderán facerse a través da web da rede de polos de emprendemento.

A iniciativa enmárcase no compromiso estratéxico do Goberno autonómico de potenciar as oportunidades laborais da mocidade e, ao mesmo tempo, promover o espírito emprendedor entre as xeracións máis novas, impulsando proxectos innovadores que contribúan á dinamización do territorio e á xeración de riqueza e emprego.

 

Data de actualización: 18/04/2026