A Xunta colabora coa Federación Galega de Atletismo na concentración do sector de velocidade que se celebra este sábado en Lugo
Lugo, 21 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo unha reunión de traballo co delegado da Federación Galega de Atletismo en Lugo, Pablo Gandoy, para avanzar na organización da Concentración do Sector de Velocidade que se celebrará o próximo sábado, 25 de abril, na cidade.
O encontro reunirá a 27 atletas da categoría sub-16 chegados de toda a comunidade. A Administración autonómica colabora coa FGA e cede o uso das pistas de atletismo da Cidade Cultural -situadas detrás do edificio dos xulgados- para a actividade.
Durante a concentración, os deportistas adestrarán baixo a supervisión de técnicos especializados e traballarán aspectos como a técnica, a saída, a forza ou a estratexia co fin de mellorar o seu rendemento, ademais de realizar probas específicas.
A xornada desenvolverase baixo a dirección do responsable do sector de velocidade da Federación Galega de Atletismo, José Carlos Tuñas, e dela sairán os atletas seleccionados para participar no Campionato de España de Relevos.