Belén do Campo reuniuse coa Federación galega e clubs locais de tenis de mesa de Oroso para coñecer as súas necesidades destacando o compromiso da Xunta co deporte base

A delegada da Xunta reiterou o compromiso do Goberno galego co deporte destacando que o apoio continuado ás entidades deportivas é clave para garantir o seu crecemento e consolidación, así como para promover estilos de vida activos e saudables entre a cidadanía

Oroso (A Coruña), 21 de abril de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Oroso, Alex Doval, mantivo esta mañá un encontro con Nuria Castro, presidenta da  Federación Galega de Tenis de Mesa, así como con membros do Club Tenis de Mesa Espedregada e do Club Oroso Tenis de Mesa, co obxectivo de analizar a situación actual desta disciplina deportiva en Galicia e coñecer de primeira man as súas principais necesidades.

Durante o encontro, a delegada puxo en valor o compromiso da Xunta co deporte base e federado, lembrando que tanto a federación como os dous clubs se beneficiaron, o ano pasado, das axudas autonómicas para a adquisición de equipamento deportivo, recibindo cada un deles 5.000 euros. Grazas a estas achegas, a Federación Galega puido adquirir mesas de competición e material de ximnasio, mentres que o Club Oroso Tenis de Mesa destinou os fondos á compra de mesas, raquetas e marcadores, e o Club Tenis de Mesa Espedregada investiu en mesas, raquetas e mancuernas.

Estas subvencións da orde de  equipamento deportivo cubriron ata o 80 % do investimento realizado e contaron cun orzamento global próximo aos 1,5 millóns de euros en Galicia. Na provincia, repartíronse un total de 109 axudas por un importe de case 516.000 euros. Na comarca de Ordes ademais de Oroso recibiu apoio desta convocatoria o ximnasio Boudsport de Ordes, outros preto de 5.000 euros, para adquisición de equipamento  como barras, discos, mancuernas, ergómetros e máquinas.

A delegada lembrou tamén que ambos clubs de tenis de Oroso se beneficiaron doutras liñas de apoio da Xunta destinadas ao desenvolvemento de actividades deportivas, o que permite reforzar a súa programación e seguir fomentando a práctica do tenis de mesa entre os deportistas.

Belén do Campo destacou a importancia de apoiar ás entidades deportivas a través deste tipo de iniciativas, subliñando que “melloran a súa competitividade e reforzan o seu papel como promotores de hábitos de vida saudable, ofrecendo un entorno estruturado para a práctica deportiva, a socialización e a aprendizaxe”.

Belén do Campo tamén puxo en valor o convenio da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes coa Federación Galega de Tenis de Mesa de 50.000 euros para poder levar a cabo o mantemento e o desenvolvemento das súas actividades.

No transcurso da visita tamén se puxo de manifesto o bo momento que vive o tenis de mesa en Galicia, cun total de 1.502 deportistas federados no ano 2025. No caso de Oroso, destacan figuras recoñecidas como deportistas do club de alto nivel galego, como Cristian Fernández Nieto, Ainoa Gontán Iglesias e Alexander Malov Castro (Sasha), este último situado actualmente no posto 19 do ranking mundial e que chegou a ser o número 1 no ranking mundial sub 11. A delegada da Xunta, aproveitou a visita para desexarlle sorte na próxima competición á que acudirá este xoves en Serbia. A delegada aproveitou a visita para saudar a dos deportistas, Esteban Rodríguez e Martín Fernández, que competirán os próximos días, para ascender nas primeiras categorías. Ademais da súa participación nas ligas galegas, os clubs locais contan tamén con equipos que compiten en ligas nacionais.

Finalmente, Belén do Campo reiterou o compromiso do Goberno galego co deporte en todas as súas vertentes, destacando que “o apoio continuado ás entidades deportivas é clave para garantir o seu crecemento e consolidación, así como para promover estilos de vida activos e saudables entre a cidadanía”

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2026