Galicia convértese na segunda comunidade en contar cunha Estratexia de Contratación Pública que fomentará o produto local de calidade e a participación das pemes
O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugura mañá, xoves, as xornadas sobre esta nova planificación organizadas para o persoal empregado público pola EGAP
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026
Galicia é, detrás de Cataluña, a segunda comunidade autónoma en contar cunha Estratexia de Contratación Pública que, entre outros obxectivos, fomentará o produto local de calidade e a participación das pemes nestes procesos, poñendo en valor as particularidades do territorio e potenciando as liñas estratéxicas que impulsan o seu desenvolvemento económico.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública será o encargado de inaugurar mañá xoves as xornadas sobre esta nova planificación, acompañado do director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, e de Sonia Rodríguez- Campos, directora da Escola Galega de Administración Pública, que organiza o Encontro para o persoal empregado público.
No foro, que contará con invitados como Juan José Pernas García e Jaime Francisco Rodríguez Arana Muñoz, catedráticos de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña, e Ximena Lazo Vitoria, membro do Grupo Expertos en Contratación Pública da Comisión Europea, participarán tamén técnicos doutras comunidades que compartirán os seus avances e experiencias nos distintos ámbitos aos que afecta a Estratexia.
A Estratexia galega define as principais liñas de acción na contratación pública dos vindeiros anos, partindo das peculiaridades territoriais, demográficas e de dispersión poboacional galegas. Deste xeito, pon en valor as particularidades de Galicia e potencia liñas estratéxicas para a Comunidade, como a compra de produto de proximidade e a potenciación de sectores fundamentais na Comunidade, como o da madeira.
O documento contempla ademais para os órganos de contratación criterios de adxudicación cualitativos referidos ás políticas empresariais en materia de igualdade de xénero, de loita contra a discriminación salarial por razón de sexo e de fomento da contratación feminina, así como o respecto dos protocolos de igualdade e boas prácticas LGTBI no ámbito empresarial.
Do mesmo xeito, poténciase a perspectiva medioambiental na contratación pública, atendendo de xeito especial aos aspectos climáticos e de economía circular, articulando mecanismos para a redución da pegada de carbono e a correcta xestión de residuos nas actuacións derivadas de contratacións públicas.
Un dos obxectivos definidos no documento é o fomento da contratación estratéxica, potenciando a participación na compra pública das pemes galegas, a través de diferentes accións, como programas formativos e a creación dun canal específico de asistencia a pemes e autónomos. Ademais de promover a inclusión de criterios de proximidade e comercio local, ou de produtos de tempada, frescos e procedentes de agricultura ecolóxica nas licitacións que inclúan alimentos.
Outro dos obxectivos desta nova estratexia é o de mellorar a eficiencia dos procesos de contratación, a través da axilización das tramitacións dos expedientes e o uso de novos sistemas que permitan reducir os tempos de tramitación.
A redución das cargas para as empresas a través da contratación electrónica é outra prioridade, e para iso realizarase a conexión do Rexistro de contratistas cos restantes rexistros autonómicos e potenciarase o uso de ferramentas de automatización e de intelixencia artificial nos procedementos.
A mellora da transparencia vai ligada á prevención da corrupción, consolidando o sistema antifraude. Para iso, os plans anuais de contratación serán públicos e elaborarase un protocolo ético en materia de contratación.
A Estratexia aborda tamén a especialización do persoal empregado público dedicado á área de contratación pública, potenciando a formación específica en todos os aspectos relacionados coa súa área de traballo.
Finalmente, tendo en conta o importante volume contractual xestionado polo sector sanitario galego, máis do 50% do total, e as particularidades da compra de determinados produtos sanitarios, a Estratexia inclúe un obxectivo estratéxico específico dirixido á compra pública sanitaria, con accións como o impulso dos plans de contratación centralizada de material sanitario ou formación específica para o persoal intervinte nestes procesos de compra pública sanitaria.