O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes compareceu hoxe no Parlamento para explicar as contas do seu departamento para o vindeiro ano, que superan os 608M€

A Xunta reforza o apoio aos concellos, a atención ás emerxencias, os servizos de xustiza e a mobilidade sostible con novas medidas e incrementos orzamentarios en 2027

Diego Calvo destaca como principais novidades o programa Concellos en Rede, que lles facilitará ás administracións locais compartir profesionais, as axudas para a adquisición de vehículos de emerxencias e a activación da plataforma MoBT en taxi no rural

Segue medrando o orzamento destinado á asistencia xurídica gratuíta e ao persoal da Administración de Xustiza en Galicia para a consolidación da nova oficina xudicial

No ámbito deportivo continúase colaborando coas federacións e os clubs, ademais de impulsando diversas infraestruturas, e na acción exterior fortalécese o Plan anual da cooperación galega e a cooperación transfronteiriza

O obxectivo é dar resposta ás necesidades da poboación galega e mellorar a súa calidade de vida

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026

A Xunta aposta un ano máis polo reforzo do apoio aos concellos, da atención ás emerxencias, da prestación dos servizos de xustiza e da mobilidade sostible con novas medidas e incrementos orzamentarios. Quérese así dar resposta ás necesidades da poboación galega e mellorar a súa calidade de vida, segundo sinalou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, na comparecencia parlamentaria para dar conta dos presupostos para 2027 do seu departamento, que superan os 608 millóns de euros. A promoción da actividade física e do deporte, así como do nome de Galicia no exterior son outros dos obxectivos que marcan as medidas deseñadas para o vindeiro exercicio.

As principais novidades céntranse no reforzo do apoio ás entidades locais, ao que se destinan 27 millóns de euros para desenvolver catro eixos de actuación prioritarios: a entrada en vigor da nova Lei de Administración Local de Galicia, o impulso á cooperación municipal, o fortalecemento do tecido asociativo e a continuidade das principais liñas de apoio económico aos concellos.

Neste marco, ademais das convocatorias xa consolidadas, como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental ou as axudas destinadas a proxectos municipais estratéxicos, recupérase a orde plurianual para actuacións de mellora da eficiencia enerxética, que xa estivo operativa no período 2024-2025. Esta liña contará cunha dotación de 3,5 millóns de euros, cofinanciados con fondos Feder. Así mesmo, refórzase o Banco Municipal de Maquinaria, posto en marcha este ano, cun orzamento que pasará de 1 millón de euros a preto de 1,6 millóns en 2027.

A estas iniciativas sumarase o próximo ano a nova liña Concellos en Rede, dotada con 2,5 millóns de euros para financiar gastos correntes derivados da prestación compartida de servizos e da contratación conxunta de persoal especializado, como arquitectos, técnicos municipais, traballadores sociais ou brigadas de servizos, entre outros. Segundo explicou Diego Calvo, esta medida enmárcase nas fórmulas de cooperación recollidas na nova Lei de Administración Local de Galicia, que promove instrumentos como as agrupacións de municipios para compartir persoal técnico ou as áreas funcionais de carácter temporal destinadas á prestación conxunta de servizos e ao desenvolvemento de actuacións de interese común.

No ámbito do apoio ao tecido asociativo local , tamén se incrementa a dotación do Plan específico de acción comunitaria, dirixido a asociacións veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, que pasa de 3 a 4 millóns de euros. Este reforzo permitirá atender unha maior demanda e continuar apoiando o importante labor social, comunitario e de dinamización territorial que desenvolven estes colectivos en todo o territorio galego.

Máis anticipación e planificación en emerxencias

Pola súa banda, a atención ás emerxencias contará o vindeiro ano cun orzamento de  44,6 millons de euros, incluíndo as partidas para a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Neste eido, as novidades céntranse na aposta pola anticipación e a prevención, coa implantación dunha nova ferramenta para axilizar a xestión de riscos por parte dos técnicos de protección civil, e na resposta, cunha nova liña de axudas dotada con 500.000 euros para a adquisición de vehículos de emerxencias, que serán cedidos aos concellos con servizos de Protección Civil. No que respecta á planificación, mantense a liña de axudas por importe de 330.000 euros para que os concellos con obriga de contar con plans de actuación municipal o elaboren e avanzarase na actualización dos plans de protección civil autonómicos.

Mantense ademais o apoio aos servizos de emerxencias de competencia local, como os Grupos de Emerxencia Supramunicipais e as Asociacións de Voluntarios de Protección Civil, coa dotación de equipamento e axudas ao funcionamento, así como aos consorcios de bombeiros provinciais, aos que se reservan máis de 16,7 millóns de euros en 2027.

A Agasp continúa como centro de referencia na formación dos servizos de emerxencias e das forzas e corpos de seguridade que operan en Galicia, polo que se modernizarán as instalacións coa incorporación de diversos elementos para a realización de exercicios prácticos e potenciar así a calidade do ensino. Con respecto á Policía Local, Diego Calvo anunciou que o vindeiro ano se seguirá avanzando no desenvolvemento normativo, concretamente en materias relativas á homoxeneización da imaxe destes corpos en Galicia.

Canto á Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) o conselleiro insistiu na necesidade de que o Goberno central cubra o 100% das prazas, apuntando ademais que 2027 será Ano Santo e cómpre garantir a seguridade tanto das persoas que percorren as rutas xacobeas como das que asisten aos múltiples eventos previstos. Precisamente neste marco de acción, o conselleiro anunciou unha oferta formativa específica para os distintos corpos de seguridade que actúan en Galicia.

No eido da xustiza, o presuposto ascende a 203 millóns de euros para reforzar ámbitos prioritarios como persoal, asistencia xurídica gratuíta, a catalogación dixital dos arquivos e a adaptación das sedes ás necesidades das vítimas e á accesibilidade. Así, en materia de persoal increméntase a dotación nun 10% para a consolidación da nova oficina xudicial, e a contía para asistencia xurídica gratuíta medra tamén máis dun 8% e supera os 20 millóns de euros.

Ademais, refórzase a consignación para a catalogación dixital dos arquivos xudiciais á que se destinan 500.000 euros e séguese a traballar na mellora das infraestruturas xudiciais, cun orzamento de 10 millóns de euros tanto para novas obras como para actuacións de eficiencia enerxética cofinanciadas con fondos Feder. Estas últimas prevense nos xulgados da Coruña, Betanzos, Corcubión, Ferrol, Lugo, Vilalba, Viveiro, Cangas de Morrazo, Ponteareas e Lalín.

Nova Liña Conecta e plataforma para o rural

O orzamento para mobilidade suma case 202 millóns de euros, dos que 177,4 están consignados ao mantemento das distintas modalidades de transporte: 90 millóns de euros ao transporte escolar e compartido, que move ao día case 75.000 alumnos; 40,8 millóns de euros ao transporte de uso xeral; e 5,8 millóns de euros ao 065, Servizo galego de apoio á mobilidade persoal. Mantense ademais a política tarifaria, coa Tarxeta Xente Nova e a Tarifa +65 como buques insignia, que supón un orzamento de 40,8 millóns de euros.

Así mesmo, prevese a posta en marcha dunha nova Liña Conecta, entre Ferrol-As Pontes de García Rodríguez-Lugo, e completar a implantación da plataforma de mobilidade 4.0 MoBT, ademais de activar como plan piloto unha nova ferramenta centrada no taxi, con MoBT en taxi no rural, un servizo a demanda. Tamén continuarán mellorándose as paradas de autobús con actuacións en case un cento delas e un investimento próximo aos 3,5 millóns, e executando aparcadoiros disuasorios.

No eido da mobilidade sostible seguirase apostando polo programa EBici, cunha dotación de 1 millón de euros, e pola intermodalidade, coas estacións da Coruña e de Lugo xa en funcionamento no exercicio que vén. Nesta liña, á espera de que Adif desbloquee o desenvolvemento da intermodal de Ferrol, mantense unha partida de 100.000 euros para o proxecto da nova terminal de autobuses nesta cidade. Avanzarase tamén en melloras nas estacións de Pontevedra, Vigo ou Ferrol, entre outras, e no Plan estratéxico de eficiencia enerxética nestas infraestruturas, as Eco Estacións, que estarán cofinanciadas con fondos Feder e que se executarán por fases. Á anualidade de 2027 correspóndelle un orzamento de 650.000 euros. 

Fomento do deporte e da acción exterior

A Secretaría Xeral para o Deporte contará en 2027 con 41 millóns de euros, dos que preto de 10 se destinan a achegas a federacións e clubs deportivos a través de diferentes liñas, 4,4 ao programa Xogade, referente na promoción da práctica entre os máis novos e no que participan preto do 60% dos escolares galegos de entre 6 e 16 anos, e 4,2 ao apoio do patrocinio e do deporte de alto nivel.

A mellora das infraestruturas deportivas é outro dos obxectivos dos orzamentos de deportes, con contías consignadas para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, situado en Pontevedra, o proxecto Ferrol Cidade Deportiva, a reforma do Anxo Carro en Lugo e do Campo do Couto en Ourense, ou o mantemento das pistas de atletismo de Expourense e do Ifevi e Balaídos en Vigo, entre outras.

A acción exterior galega tamén ve reforzado o seu orzamento ata 13,4 millóns de euros, dos que a meirande parte, case 11 millóns, se destinan ao Plan anual da cooperación galega 2027, o primeiro dos que conformarán o VI Plan director da cooperación galega 2027-2030. Mantéñense as habituais convocatorias de subvencións para proxectos de cooperación no exterior, de axuda humanitaria e de educación para o desenvolvemento global, entre outras.  Por outra banda, seguirase traballando na cooperación transfronteiriza, na que Galicia é referente, e na actividade relativa á presenza galega en Europa, co próximo marco financeiro plurianual como prioridade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/10/2026