A Xunta renova o seu apoio á proba da Copa de España de ciclismo BTT ‘DH Molinos’, que se celebra este domingo no Páramo
O Páramo (Lugo), 22 de abril de 2026
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da proba ciclista da Copa de España de Descenso BTT DH Molinos, que se desenvolverá no Páramo este domingo, 26 de abril.
Arias apuntou que a Xunta renova a súa colaboración co club DH Galicia para desenvolver unha das citas máis importantes do calendario nacional de BTT, que reunirá arrededor de 200 corredores de diferentes categorías nun circuíto deseñado para ofrecer un alto nivel técnico e deportivo.
A proba está aberta ás categorías Infantil, Cadete, Junior, Sub-23, Elite e todas as Máster (masculinas e femininas).
O delegado destacou o respaldo do Goberno galego a todo tipo de iniciativas “que impulsen a actividade deportiva, dinamicen o territorio e poñan en valor o medio natural”. Salientou ademais o potencial do deporte para diversificar a oferta turística da zona e atraer visitantes durante todo o ano.
As actividades comezarán o venres pola tarde coa revisión do circuíto. O sábado desenvolveranse os adestramentos oficiais e o domingo a partir das 10,30 horas disputaranse as carreiras.