O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, xunto co secretario xeral técnico e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa deu conta do contido da norma
A Xunta dotará ao alumnado desde 5º de primaria dunha conta de correo oficial para fins educativos
Así se recolle na futura Lei de educación dixital de Galicia, que hoxe inicia a súa exposición pública coa previsión de ser aprobada antes de que remate o ano
O obxectivo é que os estudantes poidan usar unha conta corporativa baixo parámetros de seguridade e privacidade nas situacións formativas que precisen
Román Rodríguez subliña que se trata dun texto pioneiro “que nos sitúa na vangarda a nivel estatal” no uso seguro e responsable da tecnoloxía para favorecer a calidade, a igualdade de oportunidades e unha atención personalizada no ensino
A norma establecerá que a transformación dixital da educación en Galicia será sometida a unha avaliación permanente para seguir introducindo melloras
Introduce numerosas medidas novidosas como o emprego da tecnoloxía en función da etapa e da madurez, o dereito á desconexión dixital, as canles de comunicación entre centros e familias ou os usos prohibidos e permitidos da intelixencia artificial
Prohíbese a gravación as clases e que os profesores poidan difundir en redes exames e actividades dos estudantes e refórzase a prohibición dos teléfonos móbiles
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026
A Xunta de Galicia dotará dunha identidade dixital ao alumnado de centros públicos a partir de 5º curso de Primaria a través dunha conta de correo electrónico corporativa oficial. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, con motivo da presentación do Anteproxecto da Lei de educación dixital de Galicia, un texto pioneiro cunha “abordaxe integral que nos sitúa á vangarda a nivel estatal” e que hoxe inicia a súa exposición pública como paso previo para a súa aprobación antes de rematar o ano.
O titular de Educación do Goberno galego, que estivo acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, recalcou que o emprego desta conta estará acoutado “a fins exclusivamente educativos” e, polo tanto, “non terá un carácter privado”. O obxectivo é que, naquelas situacións formativas nos centros nas que sexa precisa unha identidade dixital, os estudantes poidan usar unha corporativa baixo parámetros de seguridade e privacidade.
De feito, a Consellería aprobará os correspondentes protocolos de uso, as condicións de acceso e os dereitos e deberes asociados a estas contas, así como as medidas de supervisión e control necesarias para garantir o seu uso adecuado e o benestar dixital do alumnado.
Así mesmo, avanzou que a transformación dixital da educación en Galicia será sometida a través desta lei a unha avaliación permanente por parte da Xunta, que fará “un seguimento sistemático” do proceso e, dado que se trata “dun proceso vivo e en permanente cambio”, incorporará medidas adicionais ante posibles necesidades.
Co fin de afrontar con seguridade os retos da transformación dixital social e tecnolóxica que se están producindo neste eido, e que atinxen de xeito directo tamén ao ensino, a través deste texto Galicia dótase dunha Lei de educación dixital inédita ata o de agora no Estado que regulará os dereitos e deberes do conxunto da comunidade escolar para favorecer un modelo de ensino de calidade, igualdade e máis personalizado. Para iso, o texto pon o foco en aspectos como o benestar dixital, a privacidade, a protección de datos, o dereito á identidade dixital e á intimidade ou a accesibilidade universal.
Uso da tecnoloxía adecuada a cada etapa
Un dos eidos más salientables é que, a través da lei, vaise afianzar o modelo galego de ensino híbrido, onde se combinan os métodos tradicionais coas novas tecnoloxías para garantir a mellor formación posible ao alumnado. Nesta tarefa, a Xunta adecuará o uso da tecnoloxía nas aulas en función da etapa educativa e do grao de madurez do alumnado. Con esta finalidade, a utilización dos medios dixitais en Infantil e nos dous primeiros ciclos de Primaria (é dicir, 1º, 2º, 3º e 4º curso) limitarase a un uso colectivo, mentres que o uso individual comezará a partir de 5º de Primaria e en adiante.
Así mesmo, Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma en regular o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra da xornada escolar. Tamén fixa que a comunicación entre os centros e as familias só se poida realizar por medios autorizados pola Xunta. Isto é, a través de ferramentas institucionais como Abalar e non WhatsApp.
Por esta mesma razón, os centros educativos galegos só poderán empregar ferramentas dixitais autorizadas pola Consellería de Educación, xa que a autonomía pedagóxica e a creatividade dixital deber reforzarse coa protección e a seguridade.
Gravación de clases e difusión de exames
Outro dos aspectos regulados é a prohibición de gravar as clases por parte do alumnado e as familias. Así pois, salvo autorización expresa previa, non se permitirá a gravación en audio ou vídeo das sesións da clase, titorías ou calquera outra actividade docente, tanto se son presenciais coma se se desenvolven por medios virtuais. Esta prohibición operará para alumnos, familias e terceiras persoas alleas ao persoal docente.
No que atinxe ao profesorado, este non poderá tampouco difundir actividades e exames do alumnado a través das redes sociais. Con esta medida, a Lei de educación dixital de Galicia blinda que a actividade educativa dos estudantes se desenvolva en modo privado, protexendo deste xeito tanto aos docentes como aos alumnos.
Tamén o alumnado está obrigado a facer un uso seguro e responsable de todos os contidos, imaxes e vídeos e a absterse da difusión e redifusión non autorizada dos mesmos a través das redes. É dicir, deben respectar a privacidade do resto dos membros da comunidade escolar e sublíñase que é igual de malo difundir que redifundir.
Regulación dos exames virtuais
Regúlanse os exames virtuais, onde poderán empregarse sistemas biométricos para a identificación e control do alumnado. Estas técnicas de monitorización, sempre baixo o principio de protección de datos, xa se aplican no eido universitario e no privado, polo que Galicia será a primeira que o incorpore agora ao ensino público non universitario, pensando especialmente nas etapas de FP ou de ensinanzas para adultos.
Así pois, no caso de probas en liña con supervisión docente presencial (en aula ordinaria, na aula hospitalaria ou no domicilio do alumno) serán os profesores os encargados de verificar a identidade. No caso das probas virtuais sen supervisión docente, adoptaranse medidas específicas para garantir a autenticidade e fiabilidade dos resultados obtidos.
Usos da intelixencia artificial
A norma sitúa a Galicia tamén na vangarda da regulación da intelixencia artificial ao establecer os usos permitidos e prohibidos da mesma no eido educativo. Queda fixado que os sistemas de IA tan só se poderán empregar cun carácter auxiliar ou de apoio na toma de decisións educativas sempre baixo supervisión humana. Isto é, en ningún caso poderá substituír a intervención directa do profesorado nin a súa capacidade de decisión.
Configúrase a IA como unha ferramenta útil para a personalización da aprendizaxe e a atención á diversidade na medida en que pode axudar a adecuar contidos e actividades ás necesidades individuais de cada alumno e á detección temperá de dificultades de aprendizaxe e proporcionar recursos adaptados ao nivel e ritmo do estudante.
Ademais, os docentes so poderán empregar sistemas de IA homologados e autorizados pola Consellería, que elaborará un catálogo ao respecto.
Autoridade tamén na contorna dixital
Outra das novidades é a extensión á contorna dixital da condición de autoridade pública dos docentes que xa opera na aula. Para iso, o profesorado galego contará con asesoramento e apoio xurídico ante calquera situación de acoso ou violencia dixital.
O texto tamén dedica parte do seu articulado á regulación do teléfono móbil, cuxo uso xa está prohibido actualmente en todo o recinto escolar, algo no que Galicia foi pioneira. Sen embargo, permitíase o uso pedagóxico en todas as etapas. Agora dáse un novo paso acoutando este uso pedagóxico unicamente a partir de 3º de ESO.
Para axudar aos centros educativos no control dos móbiles, a Consellería de Educación elaborará un protocolo de custodia dos mesmos. Deste xeito, os equipos directivos disporán dunha guía para actuar en caso de retirada temporal do dispositivo a un alumno por incumprimento das normas, dándolles así un maior respaldo.
Formación dos docentes
Canto á formación do profesorado, a lei inclúe como obrigatoria a formación dixital en competencias que se consideren estratéxicas e tamén se valorará este coñecemento como mérito nos procesos selectivos tanto de ingreso na función pública docente como nos procedementos de provisión de postos de traballo de determinadas características.
Outra das novidades é que se facilitará a formación en materia dixital ao profesorado universitario das facultades de Educación co obxectivo de garantir a coherencia entre a formación inicial na universidade e as necesidades reais de formación nas aulas.