O titular da carteira sanitaria da Xunta inaugurou a VII Xornada do Consello de Bioética de Galicia baixo o lema Entre datos e pacientes
Gómez Caamaño destaca a contribución do Consello de Bioética a que Galicia sexa referente en protección de datos e uso responsable da tecnoloxía sanitaria
O conselleiro lembra que a tecnoloxía debe estar sempre ao servizo das persoas e nunca por riba dos dereitos e liberdades individuais dos pacientes
Galicia conta coa certificación de nivel alto do Esquema Nacional de Seguridade, garantindo a máxima solvencia na xestión de datos sensibles
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta mañá a VII Xornada do Consello de Bioética de Galicia, onde destacou as contribucións dos seus integrantes para situar a comunidade como referente no uso responsable dos datos e da tecnoloxía sanitaria.
Baixo o título Entre datos e pacientes: humanizar a atención sanitaria en tempos da intelixencia artificial, a Consellería de Sanidade acolleu durante a xornada de hoxe a diferentes expertos para analizar e debater sobre os desafíos éticos que presenta a sanidade moderna.
Xunto coa secretaria xeral técnica de Sanidade, Natalia Lobato, o conselleiro destacou que, a pesar de contar con máis capacidade tecnolóxica ca nunca, "nada pode poñerse por riba dos dereitos e as liberdades individuais dos pacientes". Así, definiu aos 20 membros do Consello de Bioética como os "gardiáns esenciais” da vontade e seguridade tanto de pacientes como de profesionais.
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño subliñou que a estratexia da Consellería de Sanidade pasa por consolidar un modelo de atención onde a innovación se conxugue coa responsabilidade.
"O importante é como a tecnoloxía nos axuda a escoitar e a acompañar mellor a cada paciente, entendendo que non é unha suma de datos, senón un ser único", afirmou.
Galicia, líder en seguridade e innovación sanitaria
O titular da carteira sanitaria da Xunta repasou algúns dos fitos que sitúan a Galicia na vangarda da xestión sanitaria ética en todo o territorio nacional. Neste sentido, apuntou que os sistemas de saúde galegos contan coa certificación de nivel alto do Esquema Nacional de Seguridade, o que garante a máxima protección dos millóns de datos sensibles que se xestionan.
Así mesmo, Galicia foi pioneira coa creación do Consello Asesor de Intelixencia Artificial, un organismo co que garante un uso ético e eficaz destas ferramentas no eido sanitario.
Do mesmo xeito, destacou o éxito no ámbito asistencial, onde ferramentas como a plataforma TELEA permiten a monitorización de miles de pacientes directamente nos seus domicilios, fomentando a equidade no acceso aos recursos.
Transformación dixital e novos retos
O encontro conta coa presenza presidenta do Consello de Bioética de Galicia (CBG), Ana Concheiro, e nel abordáronse temas clave como o uso do Big Data, a toma de decisións compartida e o novo rol dos profesionais ante a transformación dixital.
O programa inclúe relatorios de especialistas como o do doutor Jorge Prado, sobre innovación e a protección de datos, ou da doutora Montserrat Esquerda, centrado no deep learning e no uso ético da intelixencia artificial.
No peche da súa intervención, o conselleiro agradeceu o labor discreto pero esencial do Consello de Bioética, lembrando que, aínda que cambien as ferramentas e os procesos, o realmente importante segue a ser o mesmo: o profesional e o paciente.