A Xunta ofrece dous obradoiros de cerámica abertos ao público na feira de antigüidades e restauración de Sarria

Sarria (Lugo), 23 de abril de 2026

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da Feira de Antigüidades e Restauración de Sarria, que se desenvolverá entre os días 1 e 3 de maio -ampliando nesta edición os días de celebración- e conta co apoio da Xunta. No acto estivo tamén a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.

Arias sinalou que o Goberno galego, a través de Artesanía de Galicia, ofrecerá dous obradoiros de cerámica abertos ao público en xeral, tanto o sábado como o domingo en horario de 11.00 a 14.30 e de 16:00 a 19:30 horas. As persoas interesadas poderán coñecer a técnica do torno cerámico da man do artesán Carlos San Claudio, ou a  elaboración de cerámica de mesa no taller de Nerea Carpente.

A feira, organizada pola Asociación de anticuarios e restauradores San Lázaro, reunirá  na rúa Porvir máis dunha vintena de postos de antigüidades e coleccionismo, ademais de incluír oferta gastronómica e actividades culturais complementarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2026