A Xunta destaca o potencial deportivo de Galicia na presentación da Karate 1-Series A que se celebrará na Coruña esta fin de semana

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, subliña a capacidade organizativa galega para acoller grandes citas internacionais

Arredor de 1.300 deportistas de máis de 80 países daranse cita no Pazo dos Deportes de Riazor

A Coruña, 23 de abril de 2026

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou hoxe na presentación da Karate1-Series A, proba do circuíto mundial da categoría absoluta de karate que se vai celebrar na Coruña do 24 ao 26 de abril.

Na súa intervención, Roberto García incidiu en que Galicia conta cun tecido deportivo forte e consolidado, capaz de responder ás esixencias de grandes citas internacionais, e destacou o labor da Xunta no impulso do deporte, tanto na promoción da práctica deportiva como na captación de competicións de alto nivel.

Así, o secretario xeral para o Deporte subliñou o crecemento do karate en Galicia, que conta na actualidade con máis de 4.000 licenzas federativas, e a capacidade organizativa da comunidade e da cidade da Coruña, tal e como xa se demostrou en edicións anteriores da Karate 1-Youth League.  

A Karate1-Series A, explicou, reunirá arredor de 1.300 deportistas de máis de 80 países e mobilizará preto de 4.000 persoas, atraendo á Coruña o mellor do karate mundial, unha oportunidade excepcional para seguir promovendo este deporte entre a cidadanía.

Roberto García recordou que a cita contará coa participación de seis deportistas e un árbitro galegos, felicitou á Federación Galega de Kárate e Disciplinas Asociadas polo seu traballo e animou ao público a acudir ao Pazo dos Deportes de Riazor a animar os karatekas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/04/2026