Galicia aposta por ampliar as melloras no ensino á etapa de secundaria con novas propostas en materia de ratios, atención á diversidade e horario docente
A Xunta e os sindicatos CCOO, ANPE, UGT e CSIF intensifican o diálogo aberto no marco do Acordo de 2023 para novos avances en beneficio do conxunto do sistema
Román Rodríguez anuncia unha proposta consensuada con melloras “integrais” para comezar a aplicar o próximo curso xa desde o vindeiro mes de setembro
Haberá un plan específico de impulso á atención á diversidade que suporá incrementar o persoal especialista e os orientadores nos centros
Entre as medidas está tamén adiantar a setembro de 2028 a redución dos alumnos por aula na ESO, de 30 a 25, algo que estaba inicialmente previsto para 2033
Ademais, prevese reconfigurar as sesións de clase semanais dos docentes de Secundaria co fin de reforzar a dispoñibilidade para outras funcións necesarias
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026
Galicia aposta por ampliar as melloras no ensino tamén ás etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional con novas propostas en materia de ratios, atención á diversidade e horario docente. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, compareceu hoxe xunto ás organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF para dar conta desta liña de traballo na vía de diálogo aberta con sindicatos no marco do Acordo de melloras asinado en 2023.
O titular de Educación da Xunta, que estivo acompañado de varios membros do seu equipo, explicou a proposta de novas melloras “de carácter integral” que permitirán “avanzar un novo chanzo na modernización progresiva” do sistema educativo galego iniciada en 2023. “Aínda que moitas destas melloras son globais, é certo que xa se están notando con máis intensidade na etapa de Infantil e Primaria. E queremos amplialas tamén agora ao resto das etapas”, abondou o conselleiro, que defendeu o diálogo como a vía para “acadar froitos” en beneficio do conxunto da comunidade educativa.
As propostas, que se elevarán aos órganos pertinentes coa previsión de comezar a aplicalas desde o novo curso que arranca en setembro, abordan melloras nas ratios de estudantes por aula na ESO e no Bacharelato, na atención que se presta ao alumnado que máis o precisa e na configuración do horario do profesorado e das súas funcións.
Mellores ratios tamén en Secundaria
No que atinxe ás ratios, prevese intensificar o proceso de mellora progresiva iniciado en 2024 coa redución de 25 a 20 alumnos por aula en Infantil que, seguindo o calendario previsto, se completará para toda esta etapa en setembro e comezará en Primaria en 2027. Agora, froito do diálogo no marco do traballo entre a Consellería e as organizacións sindicais asinantes do Acordo de 2023, proponse acelerar a implantación do calendario inicialmente previsto para a etapa de Secundaria. Isto é, que se adiante a setembro de 2028 a redución de 30 a 25 alumnos por aula na ESO prevista inicialmente para o ano 2033, o que supón anticipar cinco cursos esta mellora.
Máis atención á diversidade
Outro dos puntos de traballo no que se acadarán avances é en materia de inclusión. Xa no Acordo de 2023 se incluíu a contabilización do alumnado con necesidades por dous ou por tres, unha medida pioneira que agora quere imitar o Goberno do Estado. A partir de setembro, vaise dar un novo avance ao despregar un plan de impulso á atención á diversidade, asunto que supón unha prioridade de goberno, explicou.
Nesta liña dotarase aos centros de máis recursos estruturais e farase en varias vías: modificando os catálogos de persoal nas etapas de Infantil e de Primaria e incrementando o persoal especialista e os orientadores nos cursos de Secundaria.
Apoio ao labor do profesorado
Así mesmo, apóstase pola reconfiguración do horario do profesorado de Secundaria, de xeito que poidan desempeñar mellor os labores múltiples que teñen asinados dentro e fóra da aula e que van en aumento ante unha realidade máis diversa e complexa.
A día de hoxe, os docentes de Secundaria, ao igual que o resto dos traballadores públicos, contan cun horario semanal de 37,5 horas das cales 30 son de permanencia no centro. E dentro desas teñen distribuídas 20 sesións de clase e o resto para outras funcións. A proposta pasa por reconfigurar ese horario desde setembro, de xeito que sexan 18 sesións de clase e pasen a dispoñer das dúas sesións restantes para atender outras necesidades de carácter escolar. Trátase, pois, de tempo que redundará nunha maior dispoñibilidade para a xestión de protocolos educativos, atención ás familias e aos alumnos, as gardas ou para desenvolver iniciativas en ámbitos como as novas tecnoloxías, os idiomas, a convivencia ou as bibliotecas escolares, entre outras.
Tamén se propoñen novas medidas de apoio aos titores e os equipos directivos, xa que desempeñan funcións cunha responsabilidade maior e cunha esixencia que require de máis tempo de dedicación, algo que contempla a proposta da Xunta e os sindicatos, a quen o conselleiro agradeceu a súa altura de miras a súa disposición ao diálogo.