Turismo de Galicia e a Academia Xacobea abordan os preparativos do Xacobeo 2027 nos eidos académico e investigador

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo director de Administración e Relacións cos Amigos do Camiño do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, mantivo un encontro coa nova xunta de goberno da Academia Xacobea froito do proceso de eleccións celebrado o pasado mes de febreiro, no que saíu elixido como presidente da entidade, Marcelino Agís Villaverde. Durante o encontro no que participaron tamén a secretaria xeral, Milagros Mª Otero, e o vogal, Luis Celeiro, os responsables da entidade aproveitaron para trasladarlle ao director de Turismo os proxectos cos que encaran esta nova etapa. Pola súa banda, Xosé Merelles amosou o seu agradecemento polo rigoroso traballo que realizan e que contribúe á proxección académica e investigadora do fenómeno xacobeo.

A Academia Xacobea é unha institución cultural e científica con sede en Santiago de Compostela dedicada ao estudo, investigación e difusión do fenómeno xacobeo. Foi creada en 2017 por iniciativa da Xunta de Galicia co obxectivo de promover o coñecemento do Camiño de Santiago desde unha perspectiva multidisciplinar, abordando aspectos históricos, artísticos, sociais e espirituais vinculados á peregrinación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2026