O festival Ou Yeah! achega a música de burning ao Carballiño esta fin de semana co apoio da Xunta

O comisario do Xacobeo 2027 participou esta mañá na presentación oficial do evento, que forma parte do programa Concertos do Xacobeo

O concerto de Burning, de acceso gratuíto, terá lugar este venres, 31 de xullo, a partir das 22:30 horas, na praza de Veracruz da localidade ourensá

O Carballiño (Ourense), 29 de xullo de 2026

O Festival Ou Yeah! chega esta fin de semana ao Carballiño co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. Será da man dunha das bandas máis míticas do rock en España, Burning, que festexa cinco décadas sobre os escenarios. A cita, gratuíta, terá lugar na praza de Veracruz da localidade ourensá, ás 22:30 horas.

Neste 2026, Ou Yeah! celebra a súa segunda edición co patrocinio da Xunta de Galicia, consolidando unha proposta cultural singular que transcende o formato convencional dos festivais, para ofrecer unha experiencia na que música, territorio, patrimonio e gastronomía conviven como elementos inseparables. O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación oficial do concerto.

O Festival Ou Yeah! reafirma a súa identidade cun formato expandido no tempo e no espazo que converte diferentes puntos da provincia de Ourense nun escenario vivo para a cultura. Ao directo de The Rapants e Loquillo en Expourense que celebrou o pasado mes de xuño, esta fin de semana súmase a segunda cita do Ou Yeah! este verán, coa actuación de Burning, unha das formacións máis emblemáticas da historia do rock estatal. Xa en outubro, Luz Casal actuará na cidade de Ourense para poñer o broche dourado ao festival este ano.

Durante a presentación do concerto que tivo lugar esta mesma mañá en O Carballiño, Marcos Gómez Román destacou que "Ou Yeah! entende a música como unha ferramenta para descubrir o territorio, poñer en valor a identidade local e crear experiencias capaces de atraer visitantes e xerar actividade económica arredor da cultura".

O comisario do Xacobeo 2027 salientou, tamén, que a continuidade do festival confirma o acerto dunha proposta diferenciadora dentro da programación musical galega. "Na Xunta apostamos por iniciativas que achegan valor engadido, que conectan coa personalidade de cada destino e que contribúen a descentralizar a oferta cultural. Ou Yeah! é un excelente exemplo de como a música pode dialogar coa gastronomía, coa paisaxe e coa autenticidade dun territorio como Ourense", afirmou.

Ademais da programación musical, o festival reforza nesta edición a súa dimensión gastronómica coa participación de cociñeiros ourensáns integrados na asociación Cociña Ourense, que elaborarán propostas culinarias específicas para cada unha das citas.

Deste xeito, a experiencia complétase cunha oferta que pon en valor o produto local e o talento gastronómico da provincia, reforzando o vínculo entre cultura, turismo e identidade.

A través do apoio a iniciativas como Ou Yeah!, os Concertos do Xacobeo continúan impulsando un modelo cultural descentralizado, que leva propostas de calidade a todo o territorio galego e contribúe á dinamización económica e turística das vilas e comarcas mediante a celebración de eventos singulares. Concretamente, na provincia de Ourense, neste 2026,o programa da Xunta de Galicia apoia xa preto dunha vintena de eventos, que contribúen a descentralizar a programación cultural e a levar propostas musicais de primeiro nivel a diferentes puntos do territorio.

Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2026