O Recinto Feiral Internacional de Silleda acolle esta fin de semana as probas de acceso a diversas especialidades de enfermería e de persoal de servizos xerais (PSX) do Sergas

As probas da fase de oposición do Servizo Galego de Saúde acadan o 81 % de participación na súa quenda de tarde

Esta tarde desenvolvéronse os exames das categorías de enfermería familiar e comunitaria e de enfermería do traballo, aos que estaban convocados 870 aspirantes

Durante a quenda de mañá, as probas das especialidades de enfermería obstetrico-xinecolóxica e de enfermería pediátrica acadaron unha participación do 84,95 %

Os procesos selectivos continuarán mañá, domingo, coa realización das probas do persoal de servizo xerais, á que están convocadas máis de 7.000 persoas

O vindeiro 9 de maio, o Servizo Galego de Saúde desenvolverá os exames da categoría de enfermería, na que oferta un total de 1.980 prazas

Silleda (Pontevedra), 25 de abril de 2026

As probas da fase de oposición que se celebran esta tarde no Recinto Feiral Internacional de Silleda para o acceso ás categorías de enfermería familiar e comunitaria e de enfermería do traballo acadaron unha porcentaxe de participación do 81 %.

Nestas especialidades estaban convocadas un total de 870 aspirantes, acudindo á realización das probas 679 dos 838 admitidos na especialidade de enfermería familiar e comunitaria (81 % de participación), e 26 aspirantes dos 32 inscritos na especialidade de enfermería do traballo (81,2 % de participación).

Entre as peculiaridades deste procedemento, destaca a realización da proba desde o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, por parte dunha opositora ingresada por embarazo.

Nesta quenda vespertina, o departamento sanitario da Xunta oferta 128 prazas de enfermería familiar e comunitaria e 3 prazas de enfermería do traballo.

Participación do 85 % na quenda de mañá

Os procesos selectivos para acceder ás 2.476 prazas que o Servizo Galego de Saúde oferta nesta primavera comezaron hoxe á mañá, co desenvolvemento das probas de acceso ás especialidades de enfermería obstétrico-xinecolóxica e de enfermería pediátrica.

Dun xeito conxunto, os exames destas categorías rexistraron unha participación do 84,95 %, aos que se presentaron 474 opositores dos 558 que estaban admitidos.

Máis polo miúdo, para a realización das probas de enfermería obstétrica-xinecolóxica (matrón/a) estaban inscritas un total de 348 persoas, acudindo ao exame 293 aspirantes (participación 84,20 %).

No que atinxe ás probas da fase de oposición da categoría de enfermería pediátrica, acudiron á realización do exame 181 dos 210 opositores admitidos (86,19 % de participación).

Máis de 7.000 aspirantes convocados para o domingo

Durante a xornada de mañá domingo, e en quenda de tarde, desenvolveranse os exames para acceder ás 236 prazas ofertadas na categoría de Persoal de Servizos Xerais (PSX).

Neste caso, un total de 7.056 aspirantes están chamados á realización dunhas probas das que 10 prazas estarán reservadas á quenda de discapacidade intelectual.

Ademais, o vindeiro 9 de maio o Recinto Feiral Internacional de Silleda acollerá a realización das probas para o acceso a categoría profesional de enfermería no sistema sanitario público galego. Un proceso no que están admitidos 8.661 persoas para acceder a 1.980 prazas.

A Xunta agradece o traballo desenvolvido polo persoal do Servizo Galego de Saúde, as Forzas e Corpos de Seguridade, Protección Civil, a Autopista Central de Galicia (ACEGA), 061, Cruz Vermella e o persoal da Fundación Semana Verde de Galicia, que posibilitaron que as probas transcorreran, unha vez máis, con total normalidade.

O Goberno galego mantén a súa aposta pola estabilización dos profesionais do Servizo Galego de Saúde desenvolvendo, durante dúas fins de semana desta primavera, as probas para a acceder a preto de 2.500 prazas do sistema sanitario público galego.

ANEXO: PERSOAS ADMITIDAS POR CATEGORÍA E PRAZAS OFERTADAS

CATEGORÍA

Admitidos

Total prazas

Enfermería obstétrico-xinecolóxica

 

348

 

 

69

 

 

Enfermería pediátrica

 

210

60

Enfermería familiar e comunitaria

838

 

128

 

 

Enfermería do traballo

 

32

3

 

Persoal de servizos xerais

 

6.952

 

226

 

 

Persoal de servizos xerais: quenda de discapacidade intelectual

 

104

10

Enfermeiro/a

8.661

 

1.980

 

 

Total

 

17.145

 

 

2.476

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/04/2026