Belén do Campo destaca o investimento de máis de 3,1M€ na cidade da Coruña para impulsar 60 cursos AFD dirixidos a mellorar a empregabilidade dos desempregados

A delegada da Xunta participou nunha rolda de prensa conxunta co presidente de Asociación Provincial de Hostalería da Coruña e co presidente da Confederación Empresarial Hostalería, na que puxo en valor o diálogo constante da Xunta co sector e os apoios públicos cos conta

A Coruña, 27 de abril de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada por Héctor Cañete del Campo, presidente da Asociación Provincial de Hostalería da Coruña, e José Luis Álvarez Almeida, presidente da Confederación Empresarial de Hostalería, participou na inauguración dun curso AFD (Accións Formativas para Desempregados) de Operacións Básicas de Restaurante e Bar correspondente á convocatoria 2026-2027 en horario de mañá cun financiamento de preto de 40.000€

Durante a súa intervención, a delegada sinalou que o Goberno galego mantén aberta a convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para persoas desempregadas (AFD), cun orzamento total de 60 millóns de euros —incrementado recentemente en 20 millóns adicionais para o exercicio 2026— co obxectivo de mellorar a empregabilidade e responder ás necesidades reais de talento do tecido empresarial galego. Neste contexto, anunciou que a Asociación Provincial de Hostalería da Coruña dispón xa de tres novos cursos aprobados: estes dous de Operacións Básicas de Restaurante e Bar e outro de Cociña, cunha achega global de preto de 173.000 euros. Na cidade da Coruña a Xunta impulsa 60 cursos AFD cun investimento de 3, 1  millóns de euros

Belén do Campo puxo en valor o compromiso desta entidade coa formación, destacando que, desde o inicio da actual lexislatura, desde o ano 2024, e incluíndo os tres cursos recentemente aprobados, xa se organizaron, neste centro, 18 accións formativas AFD nas diferentes convocatorias bianuais, que contaron cun apoio da Xunta de preto de 1.100.000 euros, o que pon de manifesto a súa aposta de colaboración para contar con profesionais capacitados para dar resposta ás demandas do actual mercado laboral.

Nova orde 2026/2027

A representante do Goberno autonómico subliñou a aposta decidida da Xunta pola formación para o emprego, baseada na flexibilización dos programas, na axilidade administrativa e nunha maior conexión co mercado laboral.

Os cursos AFD están orientados prioritariamente a persoas desempregadas, aínda que se permite a participación de persoas ocupadas ata un máximo do 30 % das prazas, sempre que estas non sexan cubertas por persoas sen emprego.

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto desde o 20 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2026. O financiamento repartirase en dúas anualidades: 50 millóns de euros en 2026 e 10 millóns en 2027, permitindo que as accións formativas poidan iniciarse neste ano e prolongarse no seguinte. Poderán optar ás axudas as entidades e centros de formación acreditados para impartir graos A, B e C do Sistema de Formación Profesional. As subvencións concederanse en réxime de concorrencia non competitiva e incluirán anticipos de ata o 60 %.

A convocatoria garante unha oferta formativa dispoñible durante a maior parte do ano. Entre as principais novidades destaca a flexibilización dos requisitos de acceso: quen remate unha acción formativa poderá matricularse nun nivel superior sen ter que agardar pola expedición do certificado profesional previo, unha medida que tamén se aplicará ás persoas pendentes da homologación dun título estranxeiro.

Axudas Formación

A representante do Goberno autonómico tamén destacou que a Xunta de Galicia mantén abertas dúas importantes convocatorias de axudas orientadas a mellorar a cualificación profesional e reforzar a conexión directa entre formación e emprego. Trátase dos programas Galicia Suma Talento e Formación con compromiso de contratación ambos enmarcados na estratexia autonómica para adaptar as competencias da cidadanía ás necesidades reais do tecido empresarial.

Por unha banda, o programa Galicia Suma Talento cun prazo aberto ata o 1 de decembro de 2026, está dirixido a persoas ocupadas que desexen reciclarse profesionalmente ou mellorar as súas competencias. Estas axudas formativas permiten actualizar coñecementos e adquirir novas habilidades, favorecendo a adaptación aos cambios do mercado laboral e incrementando a empregabilidade.

Por outra, destaca a convocatoria de Formación con compromiso de contratación aberta ata o 1 de decembro de 2026. Esta liña constitúe unha das apostas máis sólidas da Xunta, ao promover accións formativas vinculadas directamente ás necesidades das empresas. As entidades participantes desenvolven unidades formativas adaptadas aos seus requirimentos, adquirindo o compromiso de contratar a unha parte das persoas participantes unha vez finalizada a formación.

Ambos programas reflicten un cambio de enfoque nas políticas activas de emprego: a formación xa non se concibe como un proceso illado, senón como unha ferramenta plenamente conectada ao mercado laboral. O obxectivo é claro: garantir que as persoas adquiran competencias útiles e demandadas, ao tempo que as empresas atopan perfís cualificados axeitados ás súas necesidades.

Apoio ao sector turístico

A delegada da Xunta tamén participou nunha rolda de prensa conxunta con Héctor Cañete del Campo, presidente da Asociación Provincial de Hostalería da Coruña, e José Luis Álvarez Almeida, presidente da Confederación Empresarial de Hostalería, na que puxo en valor o diálogo constante da Xunta co sector. Neste sentido, incidiu no importante investimento destinado á modernización e profesionalización do sector turístico de aloxamentos e restaurantes, con axudas para a actualización de infraestruturas (4,5 millóns de euros), a implantación de medidas de eficiencia enerxética (10 millóns en 2025) e outras achegas de fondos propios e europeos que, só no último ano, superaron os 30 millóns de euros para o turismo galego.

Belén do Campo mencionou tamén a Estratexia de Turismo 2030, aprobada no 2024, elaborada mediante un proceso participativo co Clúster Turismo de Galicia. Para o seu desenvolvemento, celebráronse máis de 20 mesas de traballo en todo o territorio galego, coa participación de máis de 400 profesionais e arredor de 600 enquisas en liña. O resultado é un documento cun orzamento global de 1.000 millóns de euros, estruturado en oito misións que inclúen 64 medidas.

Apoio autónomos

A delegada finalmente tamén puxo en valor o esforzo da Xunta no apoio ao colectivo autónomo, cun investimento total de preto de 42 millóns de euros para o ano 2026, dos cales 1,3 millóns de euros se destinan á orde para a contratación indefinida e formación. O resto dos recursos destínanse unha orde única, con máis de 40,7 millóns de euros, que unifica cinco programas co obxectivo de axilizar a tramitación e dar resposta ás distintas fases do emprendemento, desde o inicio da actividade ata o reforzo da súa continuidade, entre as que se inclúe a promoción do emprego autonómo.

Esta orde, que xa ten aberto o prazo, ata o 30 de setembro, para este 2026, estrutúrase arredor de cinco grandes programas de axuda: a promoción do emprego autónomo e a cota cero (28,9 millóns de euros), orientadas a apoiar o inicio da actividade e o mantemento do emprego; o Bono das persoas traballadoras autónomas, centrado na consolidación de proxectos empresariais (8 millóns de euros); o Bono Remuda (1,5 millóns de euros), dirixido a facilitar o relevo xeracional e a transmisión de negocios; o Bono Nova Oportunidade (1,5 millóns de euros) pensado para persoas que retoman a actividade por conta propia; e o programa de conciliación (750.000 euros), que busca favorecer o equilibrio entre a vida laboral e familiar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2026