O xerente do Sergas, José Ramón Parada, clausurou esta mañá o acto a presentación deste programa de innovación no que colaboran axentes sanitarios de ambos os territorios

A Xunta impulsa a investigación sanitaria transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal co proxecto IntegraSaúde

Cun orzamento de 1,2 millóns de euros este programa ten por obxecto achegar solucións sanitarias innovadoras que sexan aplicables a ambos lados da fronteira

A creación dunha rede de nodos de innovación transfronteiriza ou a posibles aplicación clínicas que ofrece a intelixencia artificial son algún dos eixes que vertebran este proxecto

Os profesionais sanitarios e pacientes que desexen participar nos VI  Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia poden presentar as súas candidaturas ata o vindeiro 8 de xuño

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, clausurou esta mañá o acto de presentación do proxecto IntegraSaúde, un programa no que diferentes axentes sanitarios, de Galicia e do Norte de Portugal, traballarán conxuntamente na procura de solucións sanitarias innovadoras que sexan aplicables a ambos lados da fronteira.

O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu este mediodía a presentación das catro novas iniciativas nas que afondará un proxecto interrexional dotado cun orzamento superior ao 1,2 millóns de euros, e que esta cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). 

Durante a súa intervención, o xerente do Sergas salientou que IntegraSaúde non é só un proxecto europeo, senón que se trata dunha “alianza estratéxica” e a "materialización dunha convicción compartida" para facer fronte aos retos comúns que posúen ambas as rexións: o envellecemento da poboación, a dispersión territorial e o acceso á atención primaria.

Segundo explicou Parada Jorgal, o proxecto vertebrarase ao redor de catro actividades principais que terán como obxecto común a transformación e a mellora do sistema sanitario.

A primeira das iniciativas terá como finalidade ampliar o empoderamento e a accesibilidade dos pacientes aos sistemas sanitarios, poñendo especial atención no fomento da súa autonomía, así como no avance cara a accesibilidade universal.

Do mesmo xeito, IntegraSaúde desenvolverá actividades de apoio á investigación no ámbito da atención primaria e da atención sociosanitaria, co obxectivo de optimizar a coordinación entre estas dúas área clave e avanza cara un novo modelo de coidados na Eurorrexión.

O terceiro grande eixe, leva por nome Innovación Bottom-up, un proxecto no que se impulsará a creación dunha rede de nodos de innovación transfronteiriza, ao fin de atopar solucións sanitarias que poidan ser aplicables de xeito rápido na práctica clínica.

A intelixencia artificial será a protagonista do cuarto eixe de IntegraSaúde. Neste caso, abordaranse as posibilidades que ofrece esta tecnoloxía no eido sanitario, ao tempo que se afonda no seu ámbito normativo e na formación dos profesionais.

O xerente de Servizo Galego de Saúde agradeceu o labor da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) na coordinación do proxecto, así como o compromiso da Universidade de Vigo e o Clúster Saúde de Galicia.

“O Servizo Galego de Saúde traballa cada día para acadar un sistema máis próximo, máis accesible e máis adaptado ás necesidades dos pacientes e IntegraSaúde é unha proba concreta dese compromiso“, concluíu Parada Jorgal, quen tamén tivo palabras de agradecemento para os 112 profesionais que traballan na rede de nodos de innovación.

VI Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia

O acto desta mañá tamén serviu para animar ao conxunto de profesionais sanitarios e pacientes a participar na sexta edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Así, as persoas interesadas en participar teñen ata o vindeiro 8 de xuño para presentar a súas candidaturas.

Os Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia suman xa máis de 350 propostas en edicións anteriores, consolidándose como un dos motores de ideas sanitarias na comunidade. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2026