Arias reitera ao novo equipo reitor da USC a aposta firme da Xunta para impulsar o Campus Terra

Lugo, 28 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe na Delegación Territorial o primeiro encontro institucional coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande.

Arias felicitou ao novo equipo reitor, ofreceulle plena colaboración e subliñou a aposta da Xunta polo Campus Terra, para o que vén de aprobar un novo convenio dotado con 4,7 millóns de euros. O obxectivo é avanzar na estratexia de especialización no período 2026/29, reforzando aspectos como a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento ás empresas.

Entre as accións que se apuntan para esta nova etapa figura a posta en marcha do centro iTERRA -Instituto de Investigación Saúde Global e Desenvolvemento Sostible-, que impulsará a posición de Lugo como referente investigador no ámbito da saúde global; tamén se propón promover a imaxe da capital como cidade universitaria, potenciar a oferta docente ou captar alumnado.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2026